Nós tamén creamos! 2018

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia e de OQOeditora, resolveu un ano máis os Premios Nós tamén creamos! a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa de dinamización linguístidca homónimo.

Os premiados nesta VII edición de Nós tamén creamos! son os seguintes:

Categoría 1. Alumnado de segundo ciclo de educación infantil

A mellor sopa do mundo, do CEIP Labarta Pose de Zas (A Coruña)

Como se fixo A mellor sopa do mundo

 Categoría 2. Alumnado de primeiro e segundo de educación primaria

Coas mans baleiras, do CEIP de Ponzos, Ferrol (A Coruña)

Como se fixo Coas mans baleiras

 Categoría 3. Alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria

A  mellor sopa do mundo do CEIP A Xunqueira, nº 2, Pontevedra.

Como se fixo A mellor sopa do mundo

 Nós tamén creamos! ten os obxectivos de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos cativos e cativas o web da Televisión de Galicia. 

Nós tamén creamos! no Plan Proxecta

Na actualiade, esta iniciativa está incluída Plan Proxecta. Os centros educativos que participan nela reciben unha dotación de libros infantís en galego, así como un curso de formación para o profesorado e asesoramento continuado ao profesorado para que poida realizar co seu alumnado curtas de animación coa técnica de stop motion baseadas nos libros proporcionados.

O prazo para inscribirse en Nós tamén creamos! no marco do Plan Proxecta está aberto ata o 20 de outubro de 2017.

Premio Nós tamén creamos!

O premio a curtas de animación en galego asociado ao programa está dirixido a centros educativos de infantil e primaria, participantes ou non no Plan Proxecta. Ata 2 equipos de 2 a 4 docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop motion.
O profesorado que participe nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 para o resto de profesorado participante.
Como sempre, as creacións presentadas ao concurso estarán accesibles na sección infantil do web da CRTVG e tamén desde esta mesma páxina. Haberá tres premios, un para a mellor curta elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outra para a de terceiro e cuarto cursos de primaria.

Curtas de animación en galego

No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística envioulles aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQOeditora e acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.
O curso 2011-2012, avanzouse un paso máis no uso da animación nas aulas mediante a creación do programa Nós tamén creamos! Grazas a el, os centros educativos pasaron de ver curtas en galego... a crealas! Desde aquela, a SXPL fornece obradoiros formativos e convoca anualmente o concurso de premios do mesmo nome, con tres categorías: educación infantil, 1.º e 2.º de primaria e 3.º e 4.º de primaria.
A novidade do curso 2013-2014 foi a inclusión de Nós tamén creamos! no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o que posibilitou ampliar as horas de formación docente -que pasou a ser anual, con parte presencial e parte en rede, para os centros incluídos nel- e o recoñecemento para o profesorado participante.
A partir do 2015-2016, o concurso de curtas que forma parte do programa abriuse a todos os centros de infantil e primaria, de maneira que tamén poden participar docentes que recibiron formación noutras edicións ou, simplemente, que están interesados nesta experiencia de aprendizaxe e de dinamización da lingua galega para o seu alumnado.
E no curso pasado, o profesorado dos centros non incluídos en Proxecta que participou no concurso tamén recibiu unha xornada de formación.