I Maratón Internacional de Creación de Curtametraxes Kino Galicia

A asociación Kino Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebra no Centro de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, do 29 de outubro ao 3 de novembro, a I edición do Maratón Internacional de Creación de Curtametraxes que leva o seu nome.

Santiago de Compostela converterase nun estudo de cine aberto onde se poñerá a proba o talento dun cento de profesionais e estudantes do sector audiovisual procedentes de España, Alemaña, Italia, Francia, Suíza ou Noruega que se unirán para formar equipos de rodaxe espontáneos e elaborar curtametraxes que, despois, se proxectarán ao público.

A colaboración entre Kino Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística asegurará a presenza do galego neste evento, desde os materiais promocionais ata os filmes finais, que o público poderá seguir subtitulados en galego.

Proceso de elaboración de curtametraxes

Directores, actores, escritores, músicos, directores de fotografía, compositores, bailaríns, técnicos de son ou de luces... están chamados a apuntarse para participar na creación dun filme formando equipo con outros profesionais descoñecidos de diversas nacionalidades nun proceso integral e colaborativo que poñerá a proba o talento e a capacidade de traballo en equipo de cada participante.

As persoas que elixan inscribirse como guionistas enviarán os seus guións, entre os que se seleccionarán dous para que directores e directoras conciban un plan de rodaxe e soliciten, entre os participantes, os perfís profesionais requiridos para levar adiante cada curtametraxe.

Unha vez compostos os equipos de traballo, estudaranse meteriais dispoñibles e localizacións con que establecer un plan de rodaxe e saír a filmar. O resultado materializarase en dúas proxeccións públicas que terán lugar do 30 de outubro ao 3 de novembro.

Kino

Kino Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que formaparte do movemento internacional Kino, nacido en Montreal (Canadá) en 1999.

Nese ano, un grupo de cineastas propúxose o reto de producir unha curta ao mes ata o ano 2000. No 2001 organizou o primeiro Kino Lab (laboratorio creativo), que reuniu persoas de distintos perfís do audiovisual que durante varios días combinaron habilidades, talento e experiencias para crear películas de calidade compartindo o seu propio material profesional.

Tras unha viaxe a Europa, comezaron a xurdir espontaneamente grupos en diferentes cidades dando orixe ao que se converteu no Movemento Kino. Hoxe en día, esta fórmula ten adeptos por todo o mundo e ten presenza en máis de 100 cidades.