Volver

Premios Mil Primaveras

 A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.

  • Premios Mil Primaveras

    Premios Mil Primaveras

Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que desenvolvesen servizos de normalización lingüística (SNL), equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL), asociacións e outras entidades públicas ou privadas, e que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Co fin de delimitar cronoloxicamente os premios, só poderán ser candidatas as accións, campañas ou proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2017, 2018 ou 2019.

Para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, os premios contarán con seis categorías:

● Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollido entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos.

● Premio ao mellor proxecto novo: escollido entre aqueles nacidos en 2017 ou despois.

● Premio á mellor comunicación e impacto: escollido por acadar un grande impacto social e por supor un modelo positivo de comunicación.

● Premio ao proxecto máis innovador: escollido atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.

● Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollido entre aqueles que teñan como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.

● Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas premiadas estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.) e grazas ao impacto que teña a convocatoria e a súa resolución nos medios de comunicación.

O prazo de presentación vai desde o 2 de abril ao 17 de maio de 2019.