Volver

Rede de Centros de Estudos Galegos

A posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en Universidades de América e de Europa é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observaren o interese e o recoñecemento que posúe fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en trinta e cinco universidades. Vinte e sete delas contan con lectores –licenciados/as en Filoloxía Galega-, asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.