Proxecto Dragal 2014-2015

Por segundo ano consecutivo está en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega. Trátase dun programa multidisciplinar de animación á lectura e de creación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación que parte da triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad

  • Tarxeta de identidade que se lle entrega a cada dragaliño

    Tarxeta de identidade que se lle entrega a cada dragaliño

Por segundo ano consecutivo está en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega. Trátase dun programa multidisciplinar de animación á lectura e de creación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación que parte da triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad.

Este curso, Dragal chega 659 alumnos e alumnas de primeiro e segundo curso da ESO de 11 centros educativos (catro máis ca na anterior edición) das catro provincias galegas. Nel están directamente implicados máis de 55 docentes.

O Proxecto Dragal conta cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais aos seus profesores. Alí poden atopar xogos en liña relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais para abordalas.

Durante o primeiro trimestre, os dragaliños centráronse na lectura da novela Dragal I. A herdanza do dragón e na decoración ou dragalización do seu centro.

No segundo trimestre, e tras unha xornada de formación dirixida ao profesorado que intervén no proxecto, o alumnado dos 11 centros participantes recibiu a visita de Elena Gallego Abad.Os seguintes meses dedicáronse a tarefas de análise da novela, de pescuda sobre onomástica persoal e de creación (elaboración de cómics, de caricaturas, de finais alternativos...). O resultado deste traballo arredor de Dragal compártese a través da wiki.

O proxecto continúa durante o terceiro trimestre, desta volta centrado no patrimonio material e inmaterial galego, e rematará, igual ca no curso anterior, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na novela de Elena Gallego.

Centros participantes no Proxecto Dragal 2014-2015

  • IES Rafael Puga Ramón (A Coruña)
  • CPI Virxe da Cela (Monfero)
  • IES da Pobra do Caramiñal
  • CPI da Cañiza
  • IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa)
  • IES de Valga
  • IES Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)
  • IES Xesús Taboada Chivite (Verín)
  • IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia)
  • IES Alfoz-Valadouro (Lugo)
  • IES de Becerreá