Programa de charlas sobre o filme Pelerinaxes

A SXPL, en colaboración cos EDLG de 7 centros educativos das provincias de Ourense e Lugo, levará adiante, por primeira vez, o proxecto educativo multidisciplinario Pelerinaxes, elaborado por Simone Saibene, director de cine italiano residente na Cidade das Burgas.

A iniciativa desenvolve unha serie de charlas interactivas arredor do filme Pelerinaxes, inspirado na obra homónima de Ramón Otero Pedrayo; nela, o autor narra a viaxe que realizaron, en 1927, el e mais Vicente Risco e Ben Cho-Shey desde Ourense a Santo André de Teixido.

Con este proxecto, o alumnado poderá achegarse á riqueza patrimonial galega así como ás figuras e ao ideario dos homes da Xeración Nós.

Nesta primeira edición, Pelerinaxes chegará ao alumnado de bacharelato e dos últimos cursos da ESO dos seguintes centros educativos, situados na zona onde os tres escritores fixeron as primeiras paradas da viaxe: o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES As Lagoas (Ourense), o IES Blanco Amor (Ourense), o CPI Antonio Faílde (Cambeo, Coles), o IES Vilamarín (Vilamarín), o CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea) e o IES Monterroso (Monterroso).

Datas das charlas:

  • 27 de setembro de 2017,10.30 h, IES Otero Pedrayo (Ourense)
  • 28 de setembro de 2017, 11.30 h, IES As Lagoas (Ourense)
  • 3 de outubro de 2017, 10.30 h, IES Blanco Amor (Ourense)
  • 5 de outubro de 2017, 10.30 h, IES Vilamarín (Vilamarín). Acudirá o alumnado do centro e mais do CPI Antonio Faílde (Cambeo) e do CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea)
  • 28 de novembro de 2017, 11.30 h, IES Monterroso (Monterroso)