O galego campa 2019
Volve O galego campa!, o programa da Secretaría Xeral de Políltica Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destinado a favorecer o uso do galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia e mais a facilitarlle ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua, de acordo coas liñas de traballo que se establecen no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade 2019-2022. Este ano, faino coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade no marco da campaña Nós contra a violencia, que se engloba no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Está en marcha a oitava edición do programa O galego campa!, que este ano combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero e que se desenvolve grazas á colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Como sempre, O galego campa! incluirá novos materiais prara o Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso para educadores e educadoras e para calquera outra persoa interesada. Serán propostas encamiñadas a fomentar o diálogo na lingua propia de Galicia arredor da igualdade entre mulleres e homes, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero.
Ademais, a empresa de educación non formal O Falcón Branco levaralles a dinámica "Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor" ao monitorado e á mocidade participante nestes 22 campamentos da Acción de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado:
Axenda | |||
---|---|---|---|
Data e hora | Lugar | Actividade | Concello |
20 de xullo ás 12:00 horas | Albergue Xuvenil Furelos | Natureza no Camiño | Melide (A Coruña) |
20 de xullo ás 22:30 horas | Residencia Xuvenil Florentino Cuevillas | Conecta con Galicia (primeira quenda) | Ourense |
21 de xullo ás 17:45 horas | Campamento Xuvenil Espiñeira | Candilexas | Boiro (A Coruña) |
22 de xullo ás 12:00 horas | Campamento Xuvenil Virxe de Loreto | Natureza xunto ao mar | Porto do Son (A Coruña) |
22 de xullo ás 16:00 horas | Campamento Xuvenil Pontemaril | Aventura na natureza | Forcarei (Pontevedra) |
22 de xullo ás 18:00 horas | Campamentos Xuvenil Pontemaril | A miña primeira aventura | Forcarei (Pontevedra) |
23 de xullo ás 11:30 horas | Campamento Xuvenil Penedos de Xacinto | Teatro e aventura na natureza | Entrimo (Ourense) |
26 de xullo ás 12:00 horas | Campamento Xuvenil Illa de Ons | Big Bang Illa | Bueu (Pontevedra) |
26 de xullo ás 22:30 horas | Residencia Xuvenil Florentino Cuevillas (Ourense) | Conecta con Galicia (segunda quenda) | Ourense |
27 de xullo ás 10:00 horas | Albergue Xuvenil Area | NaturArea: ambiente mariño e náutica | Viveiro (Lugo) |
27 de xullo ás 16:00 horas | Campamento Xuvenil A Devesa | Multiaventura: ambiente e mar | Ribadeo (Lugo) |
27 de xullo ás 18:00 horas | Campamento Xuvenil A Devesa | Acampada a carón do mar | Ribadeo (Lugo) |
29 de xullo ás 16:00 horas | Albergue A Vilavella | Aventura na Estación | A Mezquita (Ourense) |
2 de agosto ás 12:00 horas | Poboado Os Peares | Adventure Camp | Carballedo (Lugo) |
2 de agosto ás 18:00 horas | Albergue Xuvenil Benigno Quiroga | A miña primeira aventura | Portomarín (Lugo) |
4 de agosto ás 16:00 horas | Albergue Xuvenil de Gandarío | Actividades no mar | Bergondo (A Coruña) |
5 de agosto ás 12:00 horas | Estación de Montaña de Manzaneda | Manzaneda Alta Montaña | Manzaneda (Ourense) |
5 de agosto ás 18:30 horas | Complexo O Corgo | Ven explorar con nós | Muíños (Ourense) |
6 de agosto ás 18:00 horas | Campamento Xuvenil Os Chacotes | Aventura-T | Palas de Rei (Lugo) |
7 de agosto ás 11:00 horas | Granxa Zoo Grixalba | A aldea perdida | Sobrado (A Coruña) |
7 de agosto ás 18:00 horas | Albergue Xuvenil Mariña Española | Aventura nas Mariñas | Sada (A Coruña) |
7 de agosto ás 22:00 horas | Albergue Xuvenil As Sinas | Actividades no mar | Vilanova de Arousa (Pontevedra) |
Conversas en grupo para falar de amor
Co lema "O galego campa, a violencia non campa", este ano a dinámica que se leva aos campamentos persegue os seguintes obxectivos:
- Introducir reflexión con perspectiva de xénero nos campamentos
- Axudar a identificar a violencia de xénero
- Promover a toma de posicións que axuden a minorar comportamentos que poidan derivar en abusos e faltas de respecto
Para lograr estas metas, realizarase unha sucesión de pequenas actividades adaptadas ás idades e perfís dos participantes de cada campamento ata achegar os rapaces e rapazas á exposición da Secretaría Xeral da Igualdade Á violencia de xénero... dille NON!. Estas actividades incluirán a argumentación, o debate, o teatro e o xogo, porque unha participación lúdica pode lograr mellor ca outros tipos de intervención a necesaria implicación dos destinatarios para que a intervención educativa funcione.
A dinámica está pensada para que os equipos de monitores e monitoras, a raíz da observación dos procesos desenvoltos con cada grupo de xente nova, poidan seguir construíndo sobre o traballo iniciado na sesión de O galego campa!
Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade
Os obxectivos xerais de O galego campa! están en consonancia cos recollidos no Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que se presentou no Parlamento de Galicia o pasado 3 de xullo de 2019, un plan elaborado pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
A finalidade última de O galego campa! é promover a galeguización lingüística das actividades educativas de tempo libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non
formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara á lingua galega por parte de mozas, mozos,
educadoras e educadores:
- Actividades de dinamización que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos campamentos.
- Propostas educativas que favorezan a reflexión e a anovación metodolóxica de programas entre os equipos de profesionais que traballan na campaña de verán.
- Intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.