Volver

Antonio Fraguas, memoria dun soño. Letras Galegas 2019

No marco da programación institucional Letras Galegas 2019, a Xunta de Galicia presenta o proxecto expositivo itinerante Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma. Esta mostra fará parada, desde abril ata decembro, en doce localidades galegas: Arteixo, A Coruña, Celanova, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e, da man da Fundación Otero Pedrayo, Amoeiro.

Deseñada e producida por Ronsel de Ideas, a exposición consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida de Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, fai á cultura galega, ata que, no final da súa existencia, coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empeza a ver como se materializa o vello soño que guiou o seu percorrido vital. Ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.

Así, no panel “Universo Insuela” faise referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En “O destino non estaba escrito” preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil: o que se produce cando o mestre de Famelga lle aconsella á familia que lle dea estudos. “Pontevedra, o primeiro agromar galeguista” fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. “Santiago, a cidade no corazón” aborda os seus anos de estudante universitario, que traen o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala, ademais do seu noivado con Teresa Martínez, con quen casaría en 1932. “Docencia e compromiso” céntrase na vocación docente do autor e no seu activismo cultural na Estrada nos anos previos á guerra civil. Esta, xunto coas súas nefastas consecuencias para Antón Fraguas e as súas aspiracións galeguistas, trátanse no panel titulado “Medo e reconstrución”. “Fraguas, a paixón polo coñecemento” dedícase ao Fraguas polígrafo que ten a Galicia como obxecto de interese en todos os campos de estudo que aborda. O seguinte panel detense no que foi, de todos os ámbitos a que se dedicou, aquel en que destacou especialmente: o de investigador, divulgador e valedor da “Cultura popular”.”Un museo para a alma de Galicia” mostra o papel de Antonio Fraguas na xestación e primeiros pasos do Museo do Pobo Galego, do que foi director. No panel “Ás veces, os soños cúmprense” o visitante poderá comprobar como, nos derradeiros anos da súa vida, Antonio Fraguas viu como comezaba a materializarse aquel vello soño da autonomía para Galicia, en cuxas institucións culturais el participa e das que recibe un amplo recoñecemento.