Volver

Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de difundir a figura e o legado de Antonio Fraguas Fraguas entre a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario, pon á vosa disposición os carteis das exposicións gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas, así como das guías didácticas correspondentes a cada mostra e outros materiais complementarios.

A exposición gañadora na categoría de centros de educación infantil e primaria é Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore, do CEIP Xesús de San Luís Romero de Carballo (A Coruña). Trátase dun harmonioso conxunto de carteis que combinan o coidado estético co emprego das tecnoloxías da información e da comunicación para plasmar a vida e a obra do intelectual galeguista. A través deles, ofrécese unha imaxe de Fraguas como docente e estudoso e destácanse na súa traxectoria os valores de bondade, xenerosidade e, sobre todo, amor pola cultura e polas tradicións galegas.

Na categoría correspondente ao resto dos centros e niveis educativos a mostra gañadora foi Insuela, do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo (Pontevedra). Esta é unha exposición caracterizada pola perfección técnica, que se conxuga coa modernidade nunha serie de carteis que mostran a traxectoria vital e o legado intelectual de Antonio Fraguas -unha obra dignificadora da cultura popular e das tradicións galegas a través de disciplinas diversas como a etnografia, a xeografía ou a historia- de forma parella ás circunstancias que condicionaron o devir histórico da Galicia do século XX.