Volver

CELGA 3

Curso Celga 3 en liña

O curso Celga 3 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por primeira vez en 2019 vénse sumar aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1 e Celga 4 xa existentes, co fin de facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña

Os obxectivos e contidos do curso Celga 3 en liña correspóndense cos do nivel B2 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que o guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica.

A través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das 8 unides do curso, cada unha delas dividida en catro bloques:

  • Comprender
  • Explorar e reflectir
  • Practicar e comunicar
  • Viaxar

Nestes bloques, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades.

As unidades, organizadas arredor dunha tarefa principal, son as seguintes:

  • Unidade 1: De deseño. Trabállase sobre o deseño un obxecto que solucione un problema da vida cotiá
  • Unidade 2: Misterios e enigmas. Xira arredor dun debate entre esotéricos e científicos.
  • Unidade 3: Boas novas. O curso convértese na redacción dun medio de comunicación.
  • Unidade 4: Eu faríao se... Cómpre decidir que compañeiros poden participar nun reality show.
  • Unidade 5: E que che dixo? O alumno ou alumna terá que tomar partido nun conflito entre dúas persoas.
  • Unidade 6: Só ou acompañado? Nesta unidade, determinaranse as calidades da parella ideal de cadaquén.
  • Unidade 7: Como non o sabía... O alumnado deberá xulgar algunhas decisións e as súas consecuencias.
  • Unidade 8: Escollas O curso péchase cunha unidade centrada nas consecuencias das escollas na nosa vida.

Facilidades para o profesorado

O curso Celga 3 en liña presenta diferentes funcionalidades que lle facilitan a cada titor ou titora a edición e a adaptación a diferentes formatos organizativos. En canto á avaliación, crea un rexistro completo dos accesos de cada usuario e dispón de informes da actividade de cada estudante, con gráficos e detalles sobre o seu paso por cada módulo (último acceso, número de veces que o leu...) así como tamén unha detallada historia da participación de cada estudante, incluíndo mensaxes enviadas, entre outras funcionalidades. En todo caso, o profesorado ten a capacidade de definir as súas propias escalas para cualificar.

Os cursos pódense empaquetar nun único ficheiro zip utilizando a función Copia de seguridade, de maneira que a dita copia poida ser restaurada en calquera servidor.

Requisitos técnicos para acceder ao curso

As persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer do seguinte equipamento informático:

  • Un ordenador con conexión a Internet
  • Conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación)
  • Micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz