Chega a Cotobade a mostra 'Os nove anos de Fraguas en Lugo'

Volver

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 4 de novembro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde, Jorge Cubela, visitaron hoxe no Edificio Multiúsos de Cotobade a mostra Os nove anos de Fraguas en Lugo, promovida polo colectivo Egeria e por Galicia Dixital co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2019 da Xunta de Galicia. O proxecto expositivo itinerante está conformado por 12 paneis e compleméntase cun libro que recompila textos dos antigos alumnos impulsores da iniciativa, Manuel Regueiro Tenreiro, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, canda os doutras amizades e co web fraguasenlugo.org. Constitúe un achegamento á pegada que o mestre cotobadés deixou durante a súa estadía na cidade das murallas e poderase visitar durante esta semana no concello pontevedrés.