Volver

O primeiro volume de Anatomía do pensar analiza as peculiaridades do discurso filosófico

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán en Santiago na presentación deste libro de Marcelino Agís Villaverde publicado por Editorial Galaxia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou o profesor e filósofo Marcelino Agís Villaverde na presentación da súa obra Anatomía do pensar. O discurso filosófico e a súa interpretación. Volume 1: O discurso filosófico. O texto, publicado por Editorial Galaxia, foi dado a coñecer este serán na compostelá Libraría Couceiro.

Valentín García recordoulles aos presentes que “este 2020 Galaxia fai 70 anos, fiel ao espírito de promoción da lingua galega e de extensión a diversos ámbitos, xéneros e temáticas que guiou o nacemento da editorial”. “Boa mostra disto”, engadiu o secretario xeral, “é esta obra ensaística do profesor Marcelino Agís, que nos guía polos camiños da filosofía que abrira para o galego Ramón Piñeiro, o gran ideólogo da xeración Galaxia”.

Xunto con Valentín García, interviñeron na presentación Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e Rocío Carolo Tosar, responsable da edición.

O discurso filosófico

O primerio volume de Anatomía do pensar, que foi distinguido pola Universidade da Coruña co Premio Concepción Arenal de Investigación en Humanidades 2016, dedícase ao estudo do discurso filosófico. Ao longo dos seus oito capítulos, aos que se suma outro de conclusión e unha ampla bibliografía, Marcelino Agís Villaverde realiza unha peculiar disección dos elementos constitutivos dun tipo de discurso que busca a abstracción, pero non é quen de liberarse da metáfora; que aspira á universalidade, pero que adoita estar unido á singularidade do seu autor.

Marcelino Agís

Marcelino Agís Villaverde (Raxó - Poio, 1963) é catedrático de Filosofía e decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estudos de posgrao en París e Chicago con Paul Ricoeur e foi profesor visitante de varias universidades de Europa, América e o Xapón. É presidente da Sociedade Universitaria de Filosofía (SIFA) e do Foro de Pensamento Galicia Milenio, así como vicepresidente da Academia Xacobea.