Volver

A Academia Xacobea convoca o I Premio de Ensaio Camiño de Santiago

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación deste certame no que colaboran a Consellería de Cultura e Turismo, Aluminios Cortizo e Editorial Galaxia

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá, no compostelán Pazo de San Roque, na presentación do I Premio de Ensaio Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través da secretaría xeral que el dirixe e da Dirección Xeral de Políticas Culturais, así como de Aluminios Cortizo e da Editorial Galaxia.

Valentín García lembrou “a importancia de estimular a produción ensaística en galego co fin de asegurarmos que a nosa continúa a ser unha lingua de cultura que lles ofrece aos seus falantes, e lectores, obras divulgativas sobre calquera tema e ámbito do saber”. “Este certame”, explicou o secretario xeral, “premiará obras centradas nunha realidade tan importante para Galicia como é o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, que poderán ser abordadas desde perspectivas variadas e eidos do coñecemento moi diferentes”.

Xunto con Valentín García participaron na presentación do I Premio de Ensaio Camiño de Santiago Ulises Bértolo, secretario da Academia Xacobea; Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, e Teresa Carballeilra, Eduardo López e Isidro García, académicos da devandita entidade.

Ao certame poderá concorrer calquera persoa que presente un traballo orixinal e inédito, de 100 a 200 páxinas de extensión, que verse sobre o Camiño de Santiago e/ou o fenómeno xacobeo cun estilo argumentativo propio e co propósito de fixar posicións ao respecto. Non poderán presentarse textos xa premiados noutros concursos nin presentado como proxecto de investigación ante institucións públicas ou privadas.

Será outorgado un único premio de 3.000 euros, así como un accésit dotado de diploma acreditativo. O traballo premiado será publicado en galego e castelán pola Editorial Galaxia. As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega e no web da Academia Xacobea.

Con este premio de ensaio, a Academia Xacobea completa un proxecto iniciado en 2018 anos co I Premio de Novela Camiño de Santiago consistente en alternar a convocatoria dun premio de narrativa, outro de poesía, o I Premio de Poesía Camiño de Santiago convocado en 2019, e o de ensaio terceiro de ensaio, convocado hoxe.

Tema: Dinamización Areas: O galego... promovelo