A Xunta anima aos Grupos de Desenvolvemento Rural a adherirse á Rede de Dinamización Lingüística polo seu papel dinamizador do territorio

Volver

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, mantivo un encontro telemático con representantes dos GDR. Inés Santé aludiu ao afán do Goberno galego por promocionar a nosa lingua, fomentar a cultura nas súas diferentes modalidades, apoiar aos creadores da comunidade e facer por que o seu traballo poida chegar á maior parte da poboación do rural. Coa súa incorporación á Rede de Dinamización Lingüística -recalcou-, poríase a disposición dos 24 GDR galegos a posibilidade de organizar unha ampla variedade de eventos e actuacións para dinamizar o uso da lingua galega.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021.- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo esta mañá un encontro telemático con representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para a súa inclusión na Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Aproveitando a xuntanza, a directora xeral animou aos 24 GDR espallados pola nosa comunidade a que se adhiran a esta iniciativa, aludindo ao seu papel dinamizador do territorio.

Como entidades colaboradoras da Xunta na xestión do programa Leader, Inés Santé apuntou que estes grupos están constituídos por unha gran variedade de colectivos de representación social, veciñal, empresarial, asociacións e organismos públicos. Nesa liña, contan -sinalou- cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a súa propia estratexia deseñada para ese territorio, co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do Leader.

A maiores, segundo dixo, os GDR organizan e colaboran no desenvolvemento de diferentes actividades e, nesa liña, quixo animalos a incorporarse á Rede de Dinamización Lingüística, concibida para promover o uso da lingua galega, o seu coñecemento e divulgación social. Tendo en conta a propia natureza e funcionamento dos GDR da nosa comunidade, Inés Santé considerou moi relevante que estas entidades poidan entrar a formar parte desta Rede, nunha clara intención de estreitar as liñas de colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Nese senso, a directora xeral aseverou que o Goberno galego quere seguir apostando polo desenvolvemento rural e nesta ocasión facelo mediante a promoción da nosa lingua, o fomento da cultura nas súas diferentes modalidades, apoiando ás empresas culturais e creadores da comunidade e facendo por que o seu traballo poida chegar á maior parte da poboación do rural de Galicia. Para conseguilo, coa adhesión á RDL -dixo- poríase a disposición dos 24 GDR galegos a posibilidade de organizar unha ampla variedade de eventos e actuacións, co gallo da súa adhesión á Rede de Dinamización Lingüística.