Valentín García inaugura as xornadas ‘Mar por medio’, que congregan a máis dun cento de especialistas para reflexionar sobre o Camiño

Volver

Conferencias, mesas redondas, poesía, música e unha exposición de temática xacobea integran o programa de actos impulsado pola Academia Xacobea co apoio da Xunta que se desenvolverán ata o domingo en Ribadeo.

Ribadeo (Lugo), 16 de setembro 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na inauguración das Xornadas Xacobeas Mar por medio, o Camiño do Século XXI, organizadas pola Academia Xacobea co apoio da Xunta en Ribadeo. Na súa intervención, Valentín García salientou a “necesidade de poñer en valor e manter vivas as diferentes rutas do Camiño de Santiago nunhas xornadas como estas, que acadan xa a súa décimo sexta edición”.

Case tres lustros despois da súa última edición, as Xornadas Mar por Medio retoman así a súa actividade para converter de novo a localidade de Ribadeo en punto de encontro para a reflexión, o debate e a análise e acoller durante tres días un intenso e minucioso achegamento ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo desde ópticas diversas.

Coincidindo coa recta final deste excepcional Ano Santo bianual 2021-22, a Academia Xacobea asumiu o reto de dar continuidade ao traballo ao redor da cultura galega desenvolto durante as 16 edicións anteriores por iniciativa do hispanista británico John Rutherford, tal como sinalou no acto inaugural e en presenza do propio Rutherford, Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea.