O FICBUEU presenta o seu terceiro Caderno adicado ás curtametraxes creadas na Escola Oficial de Cinematografía de España co apoio da Xunta

Volver
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación deste volume que conta cunha versión editada en galego e outra en inglés
  • O Festival Internacional de Cinema de Bueu celébrase ata o 24 de setembro cunha programación dedicada a promover as curtametraxes

Bueu (Pontevedra), 17 de setembro 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Bueu na presentación do Caderno FICBUEU#3, un volume que baixo o título As prácticas do Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas e a Escola Oficial de Cinematografía como primordio dun novo cinema español (1947-76) recolle a historia das curtametraxes creadas nesta institución académica que marcou a semente dunha nova xeración de cineastas.

Durante a presentación deste volume, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o papel que xoga o audiovisual no fomento do galega e a importancia de que publicacións como a lanzada no marco da 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu conten cunha edición na nosa lingua. “A edición en galego deste libro abre a posibilidade de que a nosa lingua difunda coñecemento e novidades de produtos audiovisuais de prestixio polo mundo enteiro”, sinalou Valentín García.

Xunto ao secretario xeral tamén interviñeron Nerea Lores, da dirección do festival, e Severiano Casalderey, subdirector do festival e autor dos cadernos FICBUEU, quen se encargou de facer un repaso polos contidos do caderno.

O Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas, reformulado en 1962 como Escola Oficial de Cinematografía foi o primeiro centro de estudos cinematográficos fundado en España, referente indiscutible dende 1947 ata a súa disolución en 1976.

Caderno FICBUEU#3 está dedicado nesta edición ás curtametraxes creadas no senso desta institución, pretende afondar no peso que tiveron as súas aulas na historia do cinema das décadas dos 50, 60 e 70 e salientar a importancia das prácticas que levaron a cabo os estudantes e que supuxeron, en moitos casos, a primeira toma de contacto de grandes cineastas e técnicos cinematográficos desta altura.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebra ata o 24 de setembro, naceu no ano 2008 co obxectivo de promover a curtametraxe e impulsa, desde o 2019, unha sección retrospectiva co obxectivo de poñer en valor unha serie de filmes de relevancia histórica. Esta sección acompáñase coa publicación dos Cadernos FICBUEU editados en galego e inglés impulsando así a súa distribución internacional a entidades publicas e privadas do mundo do cinema.