A XIII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas premiará a investigación escolar arredor do patrimonio lingüístico e cultural galego

Volver

Organizado polo Museo do Pobo Galego co apoio da Xunta, busca achegar aos escolares á lingua, á etnografía, á antropoloxía, á xeografía, á historia e á arte galegas

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta convocatoria dirixida aos centros de Primaria e Secundaria

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

A Xunta de Galicia e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas convocan a XIII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, destinado a poñer en valor o patrimonio lingüístico e cultural galegos desde o ensino. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da dita Fundación, Concha Losada, que animaron o profesorado e a rapazada a participar nesta iniciativa “que pon en valor e visibiliza o patrimonio material e inmaterial galegos así como a lingua propia de Galicia, que se abordará a través da toponimia, a antroponimia ou a fraseoloxía”.

O proxecto inclúe dúas modalidades de participación (ensino primario e secundario) dotadas con cadanseus 7.000 euros destinados a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2024-25 en colaboración co Museo do Pobo Galego.

Poderán participar, ata o vindeiro 1 de xuño, os centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que impartan ensinanzas de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP ou Educación Especial.

O ámbito temático dos proxectos abranguerá un ou varios destes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte da contorna inmediata do centro e un capítulo, ou a liña do traballo, dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico relacionado co tema proposto. Ademais, valoraranse as accións que fomenten a educación en igualdade e o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado cos Camiños de Santiago.

As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: