O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura unhas xornadas organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Recursos

Arredor de 200 docentes afianzan a súa formación en linguas estranxeiras con estratexias para a dinamización na aulas e novos recursos didácticos

Volver

Román Rodríguez destaca as distintas accións impulsadas pola Xunta neste eido como a certificación de competencias lingüísticas ou a mobilidade internacional

Tamén participa na xornada sobre intelixencia artificial de CECE-Galicia

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024

Arredor de 200 docentes participan hoxe nunha xornada de formación en linguas estranxeiras organizada pola Xunta de Galicia, a través do Centro Autonómico de Formación e Recursos, para afondar en novas metodoloxías e estratexias para a dinamización nas aulas así como sobre o uso de novos recursos didácticos e sobre os retos e as posibilidades que abre o emprego da intelixencia artificial entre outros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou a importancia da competencia plurilingüe no contexto actual e puxo en valor o conxunto de iniciativas que está reforzando a Xunta de Galicia a través da Estratexia de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030 “coa continuidade e a consolidación dos programas levados a cabo na última década e nos que  se inclúen novos retos de calidade vencellados non só á internacionalización, senón tamén á inclusión e á innovación”.

O conselleiro referiuse, en concreto, ao reforzo da certificación das competencias lingüísticas tanto para o profesorado como para o alumnado como “unha das apostas” dos próximos anos co desenvolvemento, xa en marcha, “dun programa intensivo” de certificación e acreditación no marco europeo. 

A intelixencia artificial ao servizo da educación

O titular de Educación participou tamén nas xornadas sobre intelixencia artificial organizadas por CECE-Galicia, onde puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego por “actualizar e reorientar” o uso das novas tecnoloxías e as “inmensas posibilidades” que abren no eido formativo.

Neste senso, a través da Estratexia de Educación Dixital, Edudixital 2030, a Consellería de Educación pon á disposición da comunidade educativa distintas ferramentas tanto no que atinxe á formación académica como a aspectos relativos ao uso seguro das novas tecnoloxías.

Tamén neste eido, estase implantando un procedemento de Acreditación da Competencia Dixital para alumnado, profesorado e persoas adultas, co fin de reforzar a capacitación no uso das novas tecnoloxías.

Finalmente, o conselleiro referiuse ao proxecto EdugaIA, de aplicación das vantaxes da intelixencia artificial á administración educativa dixital, para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico centralizado e habilitar unha ventanilla única de comunicación da comunidade educativa.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: