O libro galego, representado a través de 14 editoriais na feira internacional Liber en Madrid

Volver

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe o expositor de Galicia neste encontro profesional, que se celebra ata o 11 de outubro

O libro galego tamén estará presente na Feira Internacional do Libro de Frankfurt

Madrid, 9 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe a Feira Internacional do Libro LIBER, un encontro profesional de referencia en toda Europa que se celebra ata o venres en Madrid, e na que participan 14 editoriais galegas.

A Consellería de Cultura e Turismo, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras e coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, poñen ao dispor dos profesionais galegos un expositor no que exhiben as últimas novidades para o público, así como no que realizar reunións comerciais que favorezan a internacionalización do sector a través de novas oportunidades de negocio con axentes procedentes de diversos países do mundo. Este espazo, de 36 m2, tamén conta cunha mostra dalgunhas publicacións do fondo editorial da Xunta.

As editoras presentes esta ano na feira son Alvarellos Editora, Editorial Bululú, Kalandraka Editora, Edicións Embora, Hércules de Ediciones, OQO Editora, Edicións do Cumio/Arnoia, KNS Ediciones, Triqueta Verde, Editorial Galaxia, Edicións Laiovento, Baía Edicións, Edicións Fervenza e Tulipa Editorial.

Feira profesional

LIBER é unha feira con carácter profesional que promove a Federación de Gremios de Editores de España e organízase alternando a sede, unha convocatoria en Madrid e outra en Barcelona. Este ano LIBER ten lugar en Madrid, organizada polo IFEMA, con Arxentina como país convidado e celebrando o seu 35 aniversario.

A cita, consolidada como primeira mostra dedicada ao libro en lingua española en Europa e como principal centro de negocio e intercambio profesional, está aberta a todos os sectores do libro, con especial atención aos contidos dixitais, ás novas editoras, á autoedición e á propiedade intelectual.

Novas oportunidades de negocio no exterior

Para favorecer a internacionalización do sector editorial, o libro galego estará tamén presente na Feira Internacional do Libro de Frankfurt (do 16 ao 20 de outubro). Un evento que contará cun stand institucional con diferentes espazos nos que amosarán as súas obras as editoras Hércules de Ediciones, Editorial Bululú, Kalandraka Editora, Edicións do Cumio/Arnoia, Baía Edicións, Edicións Fervenza e Edicións Laiovento. Ademais, a Xunta colabora na edición de Frankfurt 2019. Galician Books. Foreign Rights, unha obra onde se recollen as propostas de 56 libros publicados por 12 editoras galegas.

Departamento: Tema: Lingua