Valentín García participa na presentación do libro póstumo de Neira Vilas ‘Co pai’

Volver

Publicado por Editorial Galaxia, contén 25 textos escritos en Cuba no ano 2000 en que o autor de Gres lembra as súas vivencias a carón da figura paterna

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019.- O Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia acolleu este serán a presentación dun novo volume póstumo, titulado Co pai, do autor que lle dá nome. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, participou no acto de presentación agradecéndolle á Fundación Neira Vilas; a Dolores Vilavedra, editora do libro, e á Editorial Galaxia, “así como ao propio Pepe, o poder seguir gozando de novos textos do que foi autor do primeiro best-seller en galego, a través do que tantas persoas descubriron o valor da nosa lingua como idioma literario e de cultura”. O representante da Xunta valorou “volver a atopar esa prosa breve, condensada, aparentemente sinxela en que as anécdotas e lembranzas que semellan intranscendentes nos levan a reflexionar sobre realidades moito máis profundas”.

Xunto co secretario xeral, interviñeron na presentación Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Dolores Vilavedra, editora de Co pai. Este volume, publicado por Editorial Galaxia, é un traballo póstumo de Xosé Neira Vilas que recolle 25 breves textos en que o autor nos traslada a memoria de experiencias vividas a carón do seu proxenitor, case sempre vencelladas á casa e aos labores agrarios. Esas 25 prosas breves foron compostos na Habana no ano 2000, pero ata o momento permaneceran inéditas.

Neira Vilas


Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana. É autor dunha extensa obra literaria na que destacan as súas Memorias dun neno labrego (1961), a novela máis reeditada e traducida da historia da literatura galega

Departamento: Tema: Lingua