A Xunta defende que o vínculo de Galicia coa lusofonía permite reforzar a proxección internacional do galego

Volver

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a conferencia “Xuventude, diásporas e mobilidade académica” e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurará esta tarde a xornada

O Goberno galego destaca que medidas como a Lei Paz-Andrade ou o programa Iacobus serviron para reforzar a relación de proximidade entre Galicia e os países da comunidade lusófona
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a conferencia “Xuventude, diásporas e mobilidade académica” organizada pola Academia de Lingua Portuguesa e a Comisión Técnica de Promoción e Difusión da Lingua Portuguesa. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participará esta tarde na clausura do acto. A Xunta defende que relación de proximidade entre Galicia e os países lusófonos permítelle ao galego acadar unha vantaxe competitiva en eidos como a cultura ou a economía. Por iso, ese vínculo da comunidade galega coa lusofonía permite reforzar a proxección internacional do galego.
O Goberno galego aprobou en 2014 a Lei Paz-Andrade para fomentar o ensino e aprendizaxe do portugués, co obxectivo de que empresas e institucións galegas aproveiten esta vantaxe lingüística. A Xunta destaca a boa acollida dos galegos desta norma que permitiu aos galegos seren máis conscientes de que esta proximidade coa lusofonía abre a porta á mobilidade académica e laboral das novas xeracións de galegos aos países de lingua portuguesa pola facilidade para comunicarse cos 250 millóns de falantes en portugués.
Na Lei Paz-Andrade inclúese o Memorando do Entendemento, un acordo co embaixador de Portugal en España para incluír o portugués como lingua estranxeira de opción curricular no sistema educativo non universitario galego. Máis de 2.700 mozos estudan portugués en 67 centros galegos, oito en seccións bilingües e 1.100 nas Escolas Oficiais de Idiomas.
Por outra parte, un total de 798 persoas participaron en distintas estadías de investigación en centros da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nas seis edicións do programa de intercambio académico Iacobus, posto en marcha en 2014.
Tamén o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 contempla medidas como a promoción das vantaxes do galego para abrir ás portas á lusofonía. Ademais, os países lusófonos xogan un papel importante nos plans directores da Cooperación Galega, ao contar con catro Países Africanos de Idioma Oficial Portugués (PALOP) dentro dos 11 considerados como prioritarios.
A Administración galega apoia iniciativas de colaboración entre o sistema universitario galego e portugués a través da Fundación CEER ou da rede da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroreste Europeo (CRUSOE).

Coa aprobación en febreiro do ano pasado da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), o Goberno galego pretende mellorar a atención dos cidadáns galegos no exterior e, sobre todo, reforzar os programas dirixidos á formación da xuventude para acadar a implicación da mocidade no exterior nas entidades galegas deses países.

A nova lei de Acción Exterior de Galicia na que está a traballar a Xunta tamén fará fincapé na promoción da lingua galega, na defensa dos dereitos da diáspora galega e no fomento de intercambios culturais para coñecer o patrimonio cultural galego.

Departamento: Vicepresidencia e C. de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza Tema: Lingua