‘Falaredes’ leva as actividades de dinamización do galego a Ordes, Laxe e Triacastela na fin de semana

Volver

‘Rosa Caramelo e outras historias’ poderase gozar mañá na Casa da Cultura de Ordes e o domingo no Salón de Actos Culturais Municipais de Laxe e a proposta ‘A nena e o grilo máis aló’ terá lugar o domingo na Sala Fonte do Lunar en Triacastela

Como é habitual nos programas de lecer de Política Lingüística, a entrada ás actividades é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019.- O FalaRedes, programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura e Turismo en entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), leva as súas actividades aos concellos coruñeses de Ordes e Laxe e ao lucense de Triacastela durante a fin de semana. Nas vindeiras semanas, as propostas impulsadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística encherán as axendas culturais nos concellos de Monforte de Lemos, Mondoñedo, Viana do Bolo, Negreira, Lalín, Trazo, Burela, O Porriño, Vilagarcía de Arousa, Toén, Barro, Boqueixón, Abegondo, Outes, Frades, Oímbra, Boimorto e Pontecesures, entroutros.

Da man da coñecida compañía Talía Teatro chega Rosa caramelo e outras historias mañá, venres 18, ao auditorio da Casa da Cultura de Ordes e o domingo 20 ao Salón de Actos Culturais Municipais de Laxe. En ambos os dous casos, con funcións de tarde, ás 19,30 horas. A proposta vai dirixida ao público familiar con cativada de catro a oito anos e inspírase nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero. Afonda nos roles e estereotipos para contribuír a desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes de homes e mulleres e dinamizar o uso da lingua galega na familia.

Magín Blanco, acompañado de Teatro Ghazafellos e Cristian Leggiero, arranca o domingo 20 en Triacastela, ás 17,00 horas na Sala Fonte do Lunar, unha xira na que levará a proposta teatral-musical A nena e o grilo máis aló por dez localidades galegas ata novembro. A actividade está pensada para público familiar con nenos e nenas desde os cinco anos de idade e nela os coñecidos personaxes da nena e o grilo, que protagonizaron con grande éxito de acollida os espectáculos A nena e o grilo (Bocaberta 2010) e A nena e o grilo nun barquiño (FalaRedes 2013), enfrontaranse a unha nova trama na que o misterio, os medos e os valores da afouteza, solidariedade e amizade adquirirán grande importancia.

Como é habitual nos programas de actividades para a RDL, a entrada a todas as funcións é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información e calendario están dispoñibles no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Departamento: Tema: Lingua