O Simposio Internacional NEOS 2019 analiza o papel dos neofalantes no futuro das linguas minorizadas

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou na apertura do encontro, que se prolongará ata mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo

O director xeral de Políticas Culturais intervén mañá na presentación do libro ‘Neofalantes de linguas minorizadas no Estado español’

Vigo, 17 de outubro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura do Simposio Internacional Neos 2019 De neofalante potencial a falante activa dunha lingua minorizada, que organiza o grupo de investigación da Universidade de Vigo GRADES (Gramática, discurso e sociedade) no marco do proxecto de investigación NEOS (O neofalante como suxeito social: o proceso de conversión lingüística en Galicia, Euskadi, Aragón e País Valenciano). O simposio celébrase hoxe xoves e mañá venres na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Valentín García explicou durante a súa intervención que o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 que a Xunta de Galicia está poñendo en marcha “préstalle unha especial atención á figura do neofalante e ao seu significativo papel no mantemento e revitalización da lingua galega”. En liña con este plan, o secretario xeral de Política Lingüística apostou por “coidar os neofalantes, que son unha minoría, pero unha minoría adoito moi dinámica na promoción do idioma”.

Xunto con Valentín García participou na inauguración do simposio o profesor da Universidade de Vigo e organizador do congreso, Fernando Ramallo. O acto de apertura deu paso a unha intensa xornada de traballo con comunicacións centradas, pola mañá, en Aragón e Euskadi e, xa pola tarde, en Valencia, Bretaña, Lusacia e Galicia.

Mañá está prevista a presenza neste encontro do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, que intervirá, ás 17:30 horas, na presentación do libro Neofalantes de linguas minorizadas no Estado español, coa que se clausurará o encontro. Previamente, terá lugar a conferencia plenaria Por que a etnografía importa: o papel da etnografía no estudo da muda, a cargo da profesora Jacqueline Urla. A continuación, haberá tres mesas de debate: Onde estamos? Cara a onde imos?, Os espazos de muda/conversión e O proceso de muda/conversión.

Departamento: Tema: Lingua