'O teu Xacobeo' pon en valor en Lalín a figura de Laxeiro peregrino

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, participou na presentación desta iniciativa que impulsará rutas e música no cruce dos camiños xacobeos que pasan pola capital do Deza

Lalín, 17 de outubro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación de Lalín, cruce de camiños, un proxecto coordinado polo Concello de Lalín, representado por Begoña Blanco, concelleira de Cultura, Turismo, Parques e Xardíns e Igualdade, e incluído no programa O teu Xacobeo que pretende pór en valor os dous itinerarios que pasan pola capital do Deza, o Camiño de Inverno e a Vía da Prata.

Dentro das actividades programadas ao abeiro deste proxecto, rescatarase a figura de Laxeiro peregrino nunha ruta teatralizada que terá lugar en Lalín a partir do luns, 21, ata o venres, 25, para escolares, e o sábado, 26 de outubro, para o público xeral. Trátase dun percorrido de dous quilómetros dentro do itinerario do Camiño de Inverno baixo o título Laxeiro peregrino na Romea, e que descorre pola ruta que facía Laxeiro cada vez que viña a Lalín.

Segundo o secretario xeral, o proxecto consigue “xuntar o Camiño de Santiago, Laxeiro, como pintor universal, e Novoneyra. Laxeiro porque vive e nace ao pé do Camiño e Novoneyra porque é o gran cantor dos camiños de Santiago, incluído o de Inverno”.

De luns a venres, celebraranse un total oito rutas polo Camiño de Inverno destinadas ao alumnado dos centros educativos de Lalín, a modo de dous colexios por día. Os escolares poderán coñecer este itinerario que se empregaba para fuxir das naves do inverno e farano da man de Laxeiro. Comezará na casa natal de pintor e un actor interpretará ao artista ao longo do percorrido. Esta ruta repetirase o sábado, 26 de outubro, ás 12,00 horas, e será necesaria inscrición previa no enderezo concellodelalinxacobeo21@gmail.com. O proxecto inclúe unhas audioguías que se poden consultar previamente.

Ademais da ruta que homenaxea ao pintor nado en Lalín, haberá outra guiada, o día 27 de outubro, dentro da Vía da Prata baixo o título Camiño do sudeste, pegadas con historia e que sairá ás 10.30 horas do Albergue de Laxe. Este percorrido será de 5 quilómetros e concluirá na praza da Igrexa, ás 13.00 horas, onde terá lugar o concerto do grupo de música tradicional Mayalde, con cancións sobre temáticas da Vía da Prata. Nesta ruta haberá a disposición do público unha guía un biólogo e unha lingüista que traballará sobre a toponimia.

O proxecto Lalín, cruce de camiños, dentro de O teu Xacobeo, pretende achegar ao público xeral a riqueza patrimonial, cultural e humana do Camiño de Santiago.

Departamento: Tema: Xacobeo