Profesorado de gaélico coñece o traballo da Xunta de Galicia en materia de política lingüística

Volver

O secretario xeral, Valentín García, mostroulles o labor do departamento que dirixe a 18 docentes escoceses de estadía en Santiago de Compostela

O profesorado estivo acompañado de dous monitores e de persoal do CAFI, onde están facendo un curso sobre a situación do galego na sociedade

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu esta mañá 18 profesores de gaélico, acompañados de dous monitores e de persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), chegados desde Escocia para coñecer de primeira man a situación do galego na sociedade. A visita ás instalacións da Xunta de Galicia forma parte dun curso organizado por Languages for Education Europe (LFEE), provedor de formación no marco do programa europeo Erasmus+, en colaboración co CAFI.

García mostroulle ao profesorado o Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do seu Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e explicoulle o labor de promoción da lingua galega na sociedade que se desenvolve neste espazo, no marco das competencias que ten atribuídas a Secretaría.

O representante do Goberno galego recalcou que “a lingua propia de Galicia ten unha das mellores situacións entre os idiomas non estatais de Europa e mantense como a lingua maioritaria na sociedade galega, tal e como acaban de corroborar as últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística, o que, nun contexto de globalización e de fluxos migratorios constantes como o que vivimos, debe encher de satisfacción, non só a este departamento, senón a todos os galegos e galegas”. Valentín García lembrou que no Barómetro de Calvet de 2017 -que analiza o peso de 634 idiomas do mundo en función de diferentes parámetros como o número de falantes, a taxa de penetración en Internet ou a cantidade de traducións- o galego ocupa o posto 50.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, é o organismo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ensino da lingua galega e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento e a aplicación da lexislación derivada do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Departamento: Tema: Lingua