A Fundación Ramón Otero Pedrayo acolle na súa sede a mostra ‘Antonio Fraguas, memoria dun soño’

Volver

A exposición conmemorativa das Letras Galegas 2019 promovida pola Xunta de Galicia exhíbese no Pazo de Trasalba ata finais de mes

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitouna hoxe, acompañado dun grupo de estudantes
 

Amoeiro (Ourense), 21 de outubro de 2019.- A mostra Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo no marco da programación institucional Letras Galegas 2019, exhíbese ata finais de mes no Pazo de Trasalba, no marco da participación da Fundación Ramón Otero Pedrayo na Rede de Dinamización Lingüística. Así, ata o día 31 de outubro estará a disposición de visitas escolares, en grupo ou individuais no Centro de Estudos Oterianos, en Trasalba, en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais presidente da entidade, Juan Luis Saco, visitárona hoxe pola tarde acompañados por un grupo de estudantes. García destacou de Fraguas “que foi un grande estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, entre os que cómpre destacar a etnografía ou a antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento na nosa identidade”, e tamén a defensa “da lingua propia de Galicia como idioma de expresión válido para abordar calquera área do coñecemento e a lealdade ao seu pobo que exerceu o cotobadés, recoñecido co Premio Trasalba en 1985, durante toda a súa vida”.

O proxecto expositivo promovido pola Xunta de Galicia para divulgar a figura, a vida e a obra do autor homenaxeado este 17 de maio, chega á recta final da súa itinerancia por doce cidades e vilas galegas, das catro provincias, desde maio: Santiago de Compostela, Ourense, Cercedo-Cotobade, A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol, Arteixo, A Estrada, Amoeiro e Celanova. Logo do seu paso por Trasalba, a exposición concluirá o seu percorrido na provincia de Ourense, cunha parada en Celanova, na Casa dos Poetas-Fundación Manuel Curros Enríquez, do 1 ao 15 de novembro.

Toda a información e materiais no Portal da Lingua Galega.
 

Departamento: Tema: Lingua