Valentín García participa na apertura da XV Xornada de normalización lingüística de escolas católicas

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística gabou o importante labor desempeñado polo irmán Xosé Reboiras, a quen lle rende homenaxe neste encontro, a prol do uso da lingua e da súa dinamización nos colexios relixiosos galegos

A xornada enmárcase no convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá, no Consello da Cultura Galega, na inauguración da XV Xornada de Normalización Lingüística, organizada por Escolas Católicas en colaboración coa Xunta de Galicia.

Valentín García quixo ter unhas palabras de recoñecemento para o irmán Xosé Reboiras, a quen se lle rende unha homenaxe no marco desta actividade, “que durante anos traballou con tesón, inmune ao desalento, pola normalización lingüística dos colexios relixiosos de Galicia”. Así mesmo, animou “os seus herdeiros a continuardes o seu camiño e traballardes arreo para que os centros educativos de Escolas Católicas, sobre todo os situados en contornos con menor presenza do galego, sexan referente no ensino e na promoción social da nosa lingua”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, participaron na inauguración Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas de Galicia.

Homenaxe a Xosé Reboiras

A continuación do acto inaugural, celebrouse a conferencia Ricardo Carballo Calero. Aproximación á súa figura e ao seu tratamento na aula, a cargo do profesor e escritor Bernardo Penabade. Tras elas, presentáronse as experiencias Iconografía sacra e profana do Concello de Silleda. XI Premio de Innovación Antonio Fraguas, do colexio María Inmaculada de Silleda; Nós, en galego, do Equipo de Dinamización da Lingua Galega de Ourense; e Aí falaches, de Jordi López. Tras un descanso, o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela Xusto Rodríguez impartiu o relatorio Melloremos a calidade da lingua.

Igualmente, Juan Manuel Buján, presidente da Xunta Directiva de Escolas Católicas, dirixe unha homenaxe ao relixioso lasaliano, docente e exsecretario autonómico de Escola Católicas Xosé Francisco Martínez Reboiras, quen se distinguiu pola súa coherencia no uso e defensa do galego ao longo de toda a súa traxectoria profesional. No marco desta homenaxe, entregáronse os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego.

Normalización no ámbito da docencia

A Consellería de Cultura e Turismo, á que pertence a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten asinado un convenio de colaboración con Escolas Católicas que lle permite a esta entidade desenvolver o seu Plan de dinamización lingüística, que inclúe accións nos eidos da administración, da pastoral, do alumnado, das familias e ANPA e da docencia. Neste último ámbito é onde se inclúen as accións formativas para o profesorado, entre as que se encontra esta Xornada de Normalización Lingüística que chega, coa de hoxe, á súa XV edición.
 

Departamento: Tema: Lingua