O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa presentaron o programa no IES Arcebispo Xelmírez I

Preto de 4000 estudantes de secundaria de toda Galicia participan en ‘21 días co galego e +’ para fomentar o uso da lingua

Volver

A segunda edición do programa promovido pola Xunta de Galicia enmárcase no Plan de dinamización da lingua galega na mocidade e ten como obxectivos que xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020.- A Xunta de Galicia bota a andar hoxe a segunda edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co galego e +, unha iniciativa que se enmarca no Plan de dinamización da lingua galega na mocidade cos obxectivos de que a xente nova, nomeadamente os adolescentes, fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. O programa amplía a participación dos centros de ensino, que pasan de catro a dez, e do alumnado, que se incrementa dos 1316 participantes no curso anterior aos 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos que se comprometen nesta ocasión a falar unicamente en galego durante as 21 xornadas de duración (do 13 de xaneiro ao 2 de febreiro).

“A medida que imos avanzando no camiño e avaliando o percorrido realizado imos facendo reaxustes en 21 Días co galego que nos permiten non só medrar en cantidade, senón tamén mellorar en calidade para alcanzarmos con máis efectividade os nosos obxectivos”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación. “Por iso este ano nos propuxemos unha maior participación das familias, así como do profesorado de departamentos diferentes aos de Lingua galega e literatura, en especial neste Instituto Xelmírez I, onde, de xeito experimental, cada semana serán os docentes dunha materia distinta os que canalicen os retos do 21 días”, concluíu.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, destacou a importancia “de que a comunidade educativa se implique na implementación de proxectos innovadores que favorecen a dinamización do galego a través de propostas atractivas e orixinais para o alumnado que inciden desde os ámbitos escolar ou familiar na promoción do uso social do noso idioma”.

Canda os responsables da Xunta, participaron na presentación de 21 días co galego e + o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do IES, Manuel Portas; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte, e alumna de bacharelato Noela Rivas.

504 horas ininterrumpidas en galego

21 Días co galego e + é un programa promovido pola Xunta de Galicia baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, o Goberno galego asumiu como propio para facelo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura e Turismo, que precisamente mañá se entregarán nun acto en Vigo.

En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP, que se comprometen a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, un total de 504 horas ininterrumpidas en galego desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos.

Os centros participantes son o IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).

Toda a actividade na rede

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e +, onde se mostraran desde hoxe as creacións dos centros participantes, que deberán seguir e actualizar cada día os participantes para recibir diferentes contidos: unha vez á semana aparecerá o reto de grupo que deberá superar o alumnado. Ten tres xornadas os rapaces e rapazas serán convidados a realizar gravacións individuais onde deixarán constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia, outros días poderán ver as presentacións doutros participantes e as creacións realizadas sobre contidos elixidos por eles: as fins de semana as familias tamén recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas fillas e os fillos e nunha xornada realizarán unha enquisa de carácter sociolingüístico.

21 Días co galego e + está centrado no fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo. Para que a experiencia teña éxito e tendo en conta que canto máis lúdicas sexan as actividades mellor acollida terán entre o alumnado, introduce elementos de gamificación que poden ir desde os xogos máis tradicionais a experiencias innovadoras, entre elas tarefas colectivas como os retos.

Departamento: Tema: Lingua, Educación