As Xornadas Xosé Calviño 2020 presentan experiencias na normalización e dinamización do galego

Volver

Valentín García participou neste evento formativo cunha intervención acerca do programa de dinamización do galego ‘21 días co galego e +’

As Xornadas Calviño, organizadas polo IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia e do CAFI, desenvolveranse ata o xoves no instituto compostelán

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á tarde no acto de apertura das Xornadas Xosé Calviño 2020 organizadas polo IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia e mais do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). A continuación, presentou un relatorio acerca do programa de dinamización da lingua galega 21 Días co Galego e +.

O responsable de Política Lingüística explicou que 21 Días co Galego e + “foi deseñado como proxecto educativo de centro pola profesora Pilar Ponte e, por iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, foi exportado a outros centros, a catro o ano pasado e a 10 este curso 2019-2020, o que permitiu que chegase a case 4000 adolescentes que se comprometeron a falar galego as 24 horas do día durante 21 xornadas”.

As docentes Raquel Fernández Carril –que participou o curso pasado en 21 Días co Galego e + no compostelán IES A Pontepedriña– e mais Olga Iglesias e Mar Hermida –que o fixeron este ano nos IES Arcebispo Xelmírez I e Afonso X O Sabio de Cambre, respectivamente– completaron a visión do secretario xeral de Política Lingüística relatando a súa experiencia.

Vinte anos de reflexión pedagóxica

Desde o ano 1999 o IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela promove as Xornadas Xosé Calviño para favorecer a reflexión pedagóxica e renderlle homenaxe ao que foi profesor de filosofía do centro, ensaísta e especialista en temas pedagóxicos. Neste 2020, en que o instituto promotor fai os 175 anos, as xornadas dedícanse ás experiencias na normalización e dinamización do galego.

A xornada de hoxe rematará coa intervención da profesora Ana Moreiras, que presentará o relatorio Mirando polo galego do futuro. Cine con Olloboi e Robótica con STARgal. Mañá será a quenda dos docentes Valentina Formoso, coa intervención Equipando a lingua; e Carlos Negros, con Versos que nos tiran da lingua. O encontro formativo rematará o xoves cos relatorios Modelo Burela, de Bernardo Penabade, e Regueifesta: improvisando o camiño da lingua e a música, de Sechu Sende.

Departamento: Tema: Lingua