A Fundación Antonio Fraguas convoca a XII edición do seu proxecto didáctico

Volver

Organizado polo Museo do Pobo Galego baixo o patrocinio da Xunta de Galicia, busca favorecer o achegamento dos escolares á etnografía, antropoloxía, xeografía, historia e arte galegas
 

O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da fundación presentaron as bases hoxe en rolda de prensa

A participación dos centros de ensino primario e secundario está aberta ata o vindeiro 15 de maio
 

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020.- A Fundación Antonio Fraguas Fraguas e a Xunta de Galicia, veñen de convocar XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas que ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio lingüístico e cultural galegos desde o ensino valorando especialmente aquelas iniciativas que fomenten a educación en igualdade do alumnado. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi, deron a coñecer hoxe en rolda de prensa os detalles da nova convocatoria desta inciativa coa que as dúas entidades buscan favorecer o achegamento dos escolares á etnografía, á antropoloxía, á xeografía, á historia e á arte galegas.

“Trátase dun proxecto que pon en valor e visibiliza a nosa lingua en relación cos estudos toponímicos, antroponímicos ou lexicográficos”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, “en definitiva, o noso adn cultural e social, a singularidade na forma de ver e interpretar a vida dos galegos e galegas”, concluíu. Participaron canda eles na presentación Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, e Francisco Sanjiao, secretario da fundación.

Patrimonio material e inmaterial no ensino

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Consellería de Cultura e Turismo no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, ten a finalidade de achegar o estudantado ao patrimonio lingüístico e cultural galegos.

Inclúe dúas modalidades de participación (ensino primario e secundario) dotadas con cadanseus 7000 euros destinados a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2020-2021 en colaboración co Museo do Pobo Galego, que acollerá a exposición pública dos dous proxectos resultantes do traballo desenvolto ao longo do vindeiro ano.

Poderán participar, ata o vindeiro 15 de maio, os centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas de educación primaria, ESO ou bacharelato, está recoñecido como proxecto de innovación educativa pola devandita consellería e o xurado cualificador emitirá o seu ditame antes do 22 de xuño. Na convocatoria anterior fixéronse cos galardóns o CEIP Ana María Diéguez de Rianxo (A Coruña) e o CPR María Inmaculada de Silleda (Pontevedra), polos traballos Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade e Iconografía sacra e profana de Silleda, respectivamente.
 

Departamento: Tema: Lingua