A Xunta presenta o Plan de reactivación cultural autonómico como un motor para o sector no horizonte próximo

Volver

Intervención do conselleiro

Román Rodríguez deu a coñecer nun webinar no que se inscribiron máis de 600 profesionais os obxectivos e o catálogo de investimentos do plan e subliñou que “a recuperación da cultura é un reto compartido entre todos no que Galicia estará a altura”

O conselleiro destacou a importancia de apoiarse no Xacobeo 2021 como panca para a recuperación e detallou investimentos para proxectos culturais, adquisición de obras de arte, e apoio ao sector escénico e musical dotados con 3,2M€

Galicia é a primeira Comunidade que aproba no seu Consello de Goberno unha folla de ruta cara a nova normalidade para as industrias culturais e turísticas

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado do seu equipo e membros do Igape, presentou esta tarde a través dun webinar no que se inscribiron máis de 600 profesionais e axentes do sector cultural o Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19. Un proxecto pioneiro no ámbito autonómico que foi aprobado no Consello da Xunta que se porá en marcha este mesmo mes de maio.

No encontro achegouse información sobre as principais medidas adoptadas para a reactivación do sector cultural, que inclúen un bloque específico dotado con 10,2M€ e a meirande parte das medidas transversais do Xacobeo, que conta con outros 5,6M€. Establecidas en ambos os casos, para acompañar e apoiar ao tecido empresarial e ao conxunto do sector cultural durante a transición cara á nova normalidade. O encontro permitiu, así mesmo, resolver as dúbidas e consultas arredor da iniciativa dos profesionais que tomaron parte dun sector que supón case o 2,5% do PIB e dá traballo a case 34.000 persoas na nosa Comunidade.

Ademais, a aprobación deste plan aliñase coas medidas transversais impulsadas polo Goberno galego para a reactivación da actividade económica tras a crise sanitaria, que inclúen accións como a inxección de liquidez a autónomos e pemes a través dun investimento de 30 millóns de euros, axudas para o aprazamento do pago de préstamos ou os anticipos a familias afectadas polos ERTEs xa autorizados pola Xunta pero ás que o Goberno non aboou aínda as súas prestacións.

Liquidez, emprego e consumo cultural

“A recuperación da cultura é un reto compartido entre todos no que Galicia estará á altura”, explicou o conselleiro, chamando á colaboración e o traballo conxunto, “especialmente a concellos e deputacións”. Fíxoo antes de enunciar as principais propostas do Plan de reactivación cultural referíndose aos investimento dirixidos a cada un dos sectores das industrias culturais e de agradecer a todos os profesionais e creadores “o esforzo e sacrificio durante o período de confinamento”.

Para lograr a reactivación, o plan recolle un total de 22 medidas e 49 accións centradas na cultura. Destas 17 son de nova creación e foron concibidas especificamente no marco deste proxecto e no contexto de recuperación da crise do coronavirus, e outras cinco son programas adaptados ao novo escenario. Román Rodríguez expuxo que todas elas parten do constante diálogo da Xunta cos distintos axentes da nosa Comunidade, así como da análise dos estudos e proxeccións macroeconómicas, que marcan a folla de ruta para minimizar o impacto económico e laboral da crise no sector.

O investimento desagregado

As medidas e accións específicas concíbense para favorecer o consumo de produtos culturais, mediante o mantemento e impulso da actividade; incentivan a industria galega nun contexto de restricións, fomentando a produción e reforzando as estruturas de programación e distribución. En concreto, cóntase cun amplo catálogo de investimentos dirixidos a cada unha das industrias culturais.

Para empezar prevese medidas para o sector do libro, co apoio ás empresas editoras ou as librarías, o fomento da lectura e o apoio as bibliotecas públicas cun investimento conxunto de 2,3M€. Na mesma liña, o sector audiovisual ten tamén unha presencia destacada, coa modificación e flexibilización de distintas convocatorias que propicien a consecución de anticipos, o incremento do número de proxectos beneficiados ou o reembolso de custos. Ademais da creación dun fondo de coprodución internacional minoritaria. En total, o investimento sitúase neste eido próximo aos 4M€

Pola súa banda, as artes escénicas disporán de sete accións específicas que facilitarán a mobilización de recursos, incrementando ademais o peso das compañías galegas na programación dos festivais. Isto suporá un orzamento conxunto de 2M€. Finalmente, ás artes plásticas e á música destinaranse respectivamente de preto de 400.000 e 300.000 euros, respectivamente, orientadas entre outros aspectos ao incentivo da creación moza e a adaptación, en canoto á produción e distribución de espectáculos, ao actual contexto.

Sensibilización, fomento e dinamización

Ademais destas medidas sectoriais, cabe destacar a creación dun fondo de apoio a proxectos e iniciativas que lle dean prioridade ao mantemento da actividade dos sectores creativos de Galicia e do emprego cultural. Unha iniciativa que se desenvolverá en paralelo cunha campaña de sensibilización, fomento e dinamización cultural que incluirá a reprogramación da rede de dispositivos culturais da Xunta.

A maiores, habilitarase un servizo de asesoramento e consultoría en liña para empresas e profesionais culturais que dará apoio e resolverá dúbidas de carácter laboral vencelladas coas condicións de acceso ás axudas públicas, normativas da desescalada e outros aspectos de carácter práctico para o desenvolvemento da actividade.

E por último, un ambicioso de formación no eido cultural, cun investimento de case 600.000 euros, que contempla bolsas de formación en materia cultural, un plan de transformación dixital no ámbito cultural, coa creación dunha plataforma virtual para a formación en liña a través de Moodle e a posta en marcha de formación para xestores culturais e para profesionais das institucións da cultura.

 

Un Xacobeo para a recuperación

O plan prevé que a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo co obxectivo de impulsar a industria cultural e turística e os creadores galegos e mellorar o noso posicionamento. Con tal fin, reconfiguraranse os obxectivos do próximo Ano Santo para darlle prioridade ás iniciativas de impulso económico e de activación do consumo e do emprego.

No que respecta ás accións transversais no marco do Xacobeo 2021 contémplanse nove medidas como liñas de axudas para todos os sectores e ámbitos culturais, programas de apoio específico, ciclos musicais en liña. Así pois, unha das principais iniciativas será un fondo para proxectos culturais dotado con 1,5M€ e na que as empresas e autónomos poderán recibir ata 4.000 e 10.000 euros, respectivamente. Impulsarase tamén a adquisición de obras de arte de artistas galegos por 200.000 euros e dous programas de apoio por 1,5M€, centrados no sector escénico e no sector musical.

Do mesmo xeito, trasladaranse ao ámbito online os ciclos musicais celebrados ao abeiro do Xacobeo 2021 e incorporados á Rede Galega de Música ao Vivo, así como os festivais de música incorporados á marca Fest Galicia, e potenciarase o programa Cultura no Camiño, achegando unha programación de artes escénicas e actividades de lecer aos concellos do rural.

Máis de 170 achegas dos axentes implicados

A estratexia formulada pola Xunta parte dos estudos publicados sobre o impacto da crise sanitaria no tecido industrial e cultural galego e que contemplan diferentes escenarios e estimacións en función dos tempos fixados polo Goberno central para a desescalada. Malia as incertezas sobre a volta á nova normalidade nestes sectores, este plan permitirá abordar esta fase na Comunidade de forma proactiva e con anticipación.

Trátase dunha folla de ruta froito do diálogo cos sectores implicados durante as últimas semanas e que inclúe acordos con entidades sectoriais para o impulso conxunto de diferentes iniciativas. Desde o comezo da crise sanitaria o Goberno galego mantivo máis de 65 xuntanzas e contactos con máis de 230 axentes do sector e recibiu preto de 170 propostas, das que o 71% foron incorporadas á redacción do Plan de reactivación.

Tras a súa aprobación no Consello, ao longo desta semana o Plan xa foi presentado aos colectivos implicados, entre os que se atopan, a Asociación Galega de Empresas Musicais (Agem), Clubtura, a Asociación de Festivais, Es_música, Músicas ao Vivo, Agatec en Música, a Asociación Galega de Produtoras Independientes, o Clúster audiovisual, a Academia Galega do Audiovisual, Proxecta en audiovisual Escena Galega, a Asociación de actores e actrices de Galicia en escénicas e a Asociación galega de profesionais de xestión cultural.

Ademais, dentro do sector do libro estiveron presentes representantes da Asociación Galega de Editores (AGE), da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación de escritores en lingua galega, do Centro PÊN Galicia e da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Por último, do sector artístico estiveron membros de Contemporánea. Asociación de Galerías de Arte, da Colectiva e da Asociación de mulleres artistas.

Departamento: Tema: Cultura,