As Ínsuas de Gres acollen a presentación da novela gañadora da IV edición do Premio Xosé Neira Vilas

Volver

Trátase de ‘Esca’, de Antonio Piñeiro, un texto para lectores novos ambientado no Grove dos anos 20

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de presentación da obra, que tivo lugar este serán en Vila de Cruces
 

Vila de Cruces (Pontevedra), 23 de xullo de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán nas Ínsuas de Gres (Vila de Cruces) na presentación de Esca, novela de Antonio Piñeiro que resultou gañadora do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, galardón que conta co apoio da Xunta de Galicia.

García expresou a súa satisfacción porque “o Premio Xosé Neira Vilas, en só catro edicións, se está consolidando como un referente indiscutible na promoción de literatura infantil e xuvenil en galego, o que debemos atribuír ao acerto do xurado á hora de escoller as obras galardoadas”. O representante da consellería de Cultura e Turismo considerou que “ese acerto dos xurados demostrouse un ano máis coa selección da novela Esca, que agora por fin temos nas mans grazas ao bo facer de Edicións Embora”, polo que animou os asistentes a ler o libro de Antonio Piñeiro.

Tensión narrativa e final iluminador

Esca, obra de Antonio Piñeiro que agora publica Edicións Embora, impúxose o pasado mes de outubro a outras 13 obras de narrativa infantil e xuvenil presentadas á cuarta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, un galardón que en anos anteriores recibiron Daniel Vázquez Álvarez, An Alfaya e Pedro Rielo. O xurado do premio, formado por Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán, Pilar Sampedro, Fernando Redondo e Armando Requeixo, destacou a calidade da obra premiada nesta edición -a de maior participación ata o momento-, a súa ambición estética, prosa lírica e riqueza léxica. Tamén valorou os personaxes poderosos e ben construídos de Esca e mais o clima de tensión narrativa resolta nun final impactante que lle dá sentido ao relatado ao longo das páxinas precedentes.

A novela está ambientada no Balneario da Toxa, onde unha tarde de finais do verán de 1929 un grupo de rapaces asiste a un suceso que non só altera o descanso dos ricos veraneantes da vila do Grove, meténdoos a todos nunha espiral de crecente tensión, senón que mudará a vida dos mozos, a do rendeiro e investidor catalán don Sadurní, aloxado no Gran Hotel, e mesmo a historia do mundo.
O profesor, editor e escritor ribeirense Antonio Piñeiro (1962) é autor de numerosas obras, tanto de narrativa como de poesía, que o fixeron merecedor de premios como o García Barros (2011), o Avilés de Taramancos (2011), o Torrente Ballester (2017) ou o Premio de Narración Curta Concello de Curtis (2019), ademais do IV Premio Xosé Neira Vilas coa novela Esca.
 

Departamento: Tema: Lingua