O Fondo Xacobeo 2021 da Xunta leva a Muros tres actividades de dinamización lingüística

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a alcaldesa, Inés Monteagudo, presentáronas hoxe en rolda de prensa

Trátase do concerto Enraizada, da peza teatral O mel non caduca e do ciclo de relatorios Onde están as mulleres da cultura

Muros (A Coruña), 18 de setembro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na rolda de prensa celebrada no salón de plenos do Concello de Muros para presentar tres actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, unha das accións do Plan de Reactivación fronte aos efectos derivados da covid-19 que chegarán á vila coruñesa nos próximos días.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que “se trata de actividades variadas e complementarias que responden ao dobre obxectivo de dinamizar a lingua galega entre a poboación e de apoiar o sector cultural”. Especialmente, tal e como incidiu Valentín García, nestes momentos tan difíciles para aqueles artistas, cooperativas ou empresas que traballen habitualmente ou desexen empezar a traballar na lingua propia de Galicia.

Xunto co representante da Xunta, participaron na rolda a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, e mais Pablo Pérez e Patricia Hermida, das empresas Repica Cultural e Dotbeat SC, respectivamente, xestoras de dúas das propostas.

Concerto hoxe e teatro e mais relatorios do 2 ao 5 de outubro

Hoxe mesmo, ás 20,00 horas no Curro da Praza, terá lugar a primeira das actividades que chegarán este outono a Muros no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Trátase de Enraizada, un concerto de Sofía Espiñeiraea o grupo Caldo que sitúa a cultura popular e a lingua galega no centro para ofrecerlle ao público unha viaxe pola Galicia máis íntima.

O vindeiro 3 de outubro, ás 21,30 horas no Centro Cultural, Marián Bañobre e Avelino González, de Ibuprofeno Teatro, interpretan O mel non caduca, unha traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que se desenvolve no universo metafórico da apicultura para mostrar un mundo á deriva froito do consumo masivo e sen control.

Os días 2 e 5 de outubro celebraranse tamén no Centro Cultural, ás 12,30 horas, dous relatorios do ciclo Onde están as mulleres da cultura. Nel presentaranse experiencias motivadoras de mulleres que traballan no eido cultural e que queren promover en Muros o debate sobre o traballo e o éxito da muller neste ámbito e mais os desafíos aos que se enfronta en época de pandemia.

Por mor das circunstancias derivadas da crise da covid-19 e dos protocolos de seguridade e garantía sanitarias, o acceso ás actividades é restrinxido. Para participar nas actividades, cómpre reservar previamente no teléfono 981 762 294. A reserva para cada unha abrirase na mesma semana da súa celebración.

Repositorio de contidos creativos en lingua galega

No marco do Plan de Reactivación fronte aos efectos derivados da covid-19, a Xunta de Galicia promove a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua, Xacobeo