O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas faise co XX Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Volver

O galardón convócano a Xunta de Galicia e mais a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega

A obra gañadora leva por título ‘De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975)’

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020.- O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas fíxose, coa obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020. O galardón convócano conxuntamente a Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega. Está dotado con 3.000 euros e coa publicación da obra pola devandita editorial. O xurado, que concedeu o premio por maioría, destacou a calidade e variedade temática dos orixinais presentados, así como a capacidade analítica do traballo seleccionado.

De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975) presenta, cun estilo diáfano e crítico, o fenómeno da utilización do folclore e dos seus símbolos por parte do fascismo e faino baseándose nunha ampla e rigorosa documentación e aplicando un enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas. Por parte, a obra salienta a actualidade do tema ao vincular os feitos históricos que trata co presente.

O autor, Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966), é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia. É catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e autor de numerosos artigos e monografías. As súas investigacións céntranse na análise comparada dos nacionalismos, nos estudos migratorios e na historia cultural da guerra. En 2019 foi Premio Nacional de Ensaio.

Vinte anos do Premio Ramón Piñero de Ensaio

Este 2020, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio chega ao seu vixésimo aniversario homenaxeando o filósofo e político galeguista que lle dá o nome. Desde a súa creación, no ano 2000, foron premiados os seguintes autores e obras: Basilio Lourenço Fondevila (A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder); Anxo A. Rei Ballesteros, (Tempo e vinganza); Xosé Luís Barreiro Rivas (A terra quere pobo); Teresa Moure (Outro idioma é posible), Rebeca Baceiredo (O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo), Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero (Psicopatoloxía do retorno), María López Sández (Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio), Xosé Ramón Quintana Garrido (Un longo e tortuoso camiño), Manuel Pérez Rúa (Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950), Ramón Máiz (A arte do imposible), Teresa Moure (Queer-emos un mundo novo), Xaime Subiela (Para que nos serve Galiza?), José María Durán Medraño (Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx), Luís García Soto (Barthes filósofo), Santiago Lamas e Alfonso Mato (De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo), Rafael Quintía Pereira (Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia), Xosé Constenla (O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país), Fernando Redondo Neira (Os amorodos de Bergman), Xaquín Núñez (Cartografías da narrativa galega contemporánea) e Xosé Manuel Núñez Seixas (De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español).

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua