O Centro Ramón Piñeiro publica a primeira base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe no Pazo de San Roque a ferramenta que facilitará o labor do persoal investigador

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, presentou hoxe no salón de actos do Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), o novo PalMed, a Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa, que pode consultarse xa no Portal da Lingua Galega e no web do CRPIH.

O representante autonómico indicou que “a lírica galego-portuguesa é unha das tradicións poéticas medievais que dispón de máis e mellores instrumentos dixitais”. Isto, segundo explicou, débese en boa medida ao labor pioneiro do Centro Ramón Piñeiro, un instituto de investigación da Xunta de Galicia que leva máis de 20 anos traballando nesta dirección “e que continúa hoxe ampliando e mellorando a oferta de recursos en liña para que as persoas investigadoras poidan acceder libremente e desenvolver máis e mellores estudos”.

Xunto con Valentín García interviñeron na presentación Manuel González, coordinador científico do CRPIH, e Pilar Lorenzo, coordinadora científica de PalMed xunto con Mercedes Brea, así como codirectora e cosupervisora xeral do proxecto.

Edicións paleográficas nunha interface amigable

Hai algo máis de dúas décadas, o CRPIH puxo en rede MedDB, a primeira base de datos de acceso libre que, ao conter o corpus completo da lírica trobadoresca, lles permitía aos estudosos e interesados nesta tradición poética acceder a todas as cantigas, coñecer datos dos seus autores e realizar buscas complexas en diversos campos. A dita base de datos foise enriquecendo nas súas distintas versións e viuse complementada por ferramentas elaboradas por outras institucións, como Littera, da Universidade Nova de Lisboa, ou Universo Cantigas, da Universidade da Coruña. PalMed, a base de datos que se presentou este mediodía no Pazo de San Roque, vai un paso máis alá ao ofrecer, non os textos das edicións críticas, senón a transcrición paleográfica dos manuscritos da lírica galego-portuguesa, co fin de facilitar o labor de investigadores interesados na realización de estudos paleográficos, grafemáticos, lingüísticos ou ecdóticos sobre a produción trobadoresca.

PalMed conta cunha interface amigable que permite, entre outras posibilidades, contrastar as transcricións con imaxes dos manuscritos ou ver en paralelo as versións de todos os manuscritos que transmitiron unha peza. Está estruturada de maneira que se poida combinar coa base de datos MedDB e conta cun teclado virtual que representa a totalidade dos caracteres empregados nas transcricións, o que permite afinar as buscas textuais ata o nivel máis concreto.

O equipo que fixo posible esta ferramenta está encabezado por Mercedes Brea e Pilar Lorenzo, coordinadoras científicas, e Antonio Fernández Guiadanes, codirector e supervisor do proxecto, xunto coas profesoras mencionadas. Completan o grupo de traballo José Carlos Sánchez, que se ocupou da arquitectura da información e do desenvolvemento; Carmen de Santiago, corodinadora técnica, e os investigadores Helena Bermúdez, Déborah González, Simone Marcenaro, M. Isabel Morán, Susana Pedro e Mª Ana Ramos.

Centro Ramón Piñeiro

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde un punto de vista antropolóxico.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua