O universo Balbino celebra seis décadas da publicación de 'Memorias dun neno labrego', que se sitúa entre as obras máis vendidas

Volver

Román Rodríguez puxo en valor o seu papel na literatura infantil galega, a súa vixencia nas escolas e a súa capacidade de transmisión interxeracional da lingua

A obra mestra de Xosé Neira Vilas saíu do prelo en Bos Aires en xaneiro de 1961 e revalidou o seu posto entre as dez publicacións máis vendidas por Galaxia en 2020
 

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de conmemoración do 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, “o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas” converténdose, dixo, “na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal”.

Durante o acto -que tamén contou co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal- o conselleiro de Cultura salientou a vixencia desta obra que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que aínda hoxe segue colleitando en todo o mundo. Neste sentido, referiuse ás súas 35 edicións e aos máis de 700.000 exemplares, así como as traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso e á súa edición en Braille, o que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado.

Herdanza artística

A conmemoración desta efeméride completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas o seu tempo e a súa obra.

Seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde o pasamento de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego -que saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961- segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia. Para alén disto, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua