O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou nos actos do Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra hoxe en todo o mundo
Román Rodríguez avoga por camiñar da man da sociedade no fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas
VolverA Xunta conmemora esta efeméride xunto coa xornalista Esther Estévez e cunha proposta familiar emitida en streaming desde a Cidade da Cultura
A iniciativa de Baobab Teatro inclúe cantos, contos e xogos dirixidos a nenos de entre 1 e 7 anos
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia conmemora hoxe o Día Internacional da Lingua Materna −que este ano ten como lema o multilingüismo para a inclusión no eido educativo e na sociedade en xeral− cunha serie de propostas lúdicas e didácticas dirixidas ao público máis novo que se ofrecen en streaming e de balde desde a Cidade da Cultura de Galicia.
Con motivo desta efeméride que a UNESCO estableceu en 1999, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, achegouse ao Gaiás para participar en directo nesta retransmisión aberta e darlle a benvida a todos os nenos que, xunto coas súas familias, participan no evento.
Na presentación, na que tamén participou a xornalista Esther Estévez, Román Rodríguez subliñou que a diversidade lingüística “enriquece a humanidade” e que o seu futuro só se pode asegurar “garantindo a continuidade e a transmisión familiar”. Deste reto non escapa o idioma galego que, aínda que é empregado por máis de 3 millóns de persoas e está incorporado ao sistema educativo, é necesario preservar a súa transmisión familiar, sobre todo no que atinxe ao seu uso por parte da xente moza e especialmente nos contextos urbanos. Unha tarefa que, en palabras do conselleiro, “debemos abordar todos xuntos, familias e gobernos; a sociedade xeral e os seus representantes políticos”.
Así mesmo, o conselleiro emprazou ás familias a seguir apostando polo galego como idioma nas relacións familiares, ao tempo que desde a Administración se lle dá seguridade xurídica en todos os eidos (educativo, laboral e social) e se fomenta o seu uso a través de materiais e espazos “para vivir e educar en galego”.
Nesta ocasión, a Xunta conmemora esta efeméride cunha actividade de dinamización lingüística emitida en streaming desde a Cidade da Cultura de Galicia, con acceso libre e gratuíto desde a Axenda de Cultura de Galicia. Trátase de Puño, puñete, de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de entre 1 a 7 anos e ás súas familias, que está orientada a ofrecerlles a esta recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Ao mesmo tempo, combinando rimas, as cantigas e os contos, convida a cativada a descubrir un mundo de sensacións e de emocións a partir do xogo tradicional: “-Puño, puñete, que tes por dentro? Pan e fermento! -Puño, puñete, que tes por fóra? -Pan e cebola!”.
O idioma como riqueza
Durante o acto, Román Rodríguez referiuse especificamente ao uso do galego no sistema educativo, onde a día de hoxe está en condicións de igualdade co castelán, respectando a Lei de Normalización Lingüística e sen renunciar á aprendizaxe doutras linguas estranxeiras. “Esta é a proba de que os idiomas non compiten entre si, senón que a adquisición dunha lingua favorece e alimenta a aprendizaxe das seguintes e abre oportunidades de crecemento persoal, social e laboral”, abondou o conselleiro.
Así mesmo lembrou que por primeira vez en 2019, a enquisa sobre uso do galego do Instituto Galego de Estatística (IGE) mostrou un incremento na porcentaxe de persoas novas que fala o galego, tanto no tramo de idade que vai dos 5 aos 14 anos como no que vai dos 15 aos 29. “Se a isto lle sumamos os datos sobre coñecemento do idioma, que apuntan a que hoxe en día temos a xeración mellor formada en galego da historia, coido que podemos dicir que temos unhas bases sólidas sobre as que continuar traballando para garantirmos o futuro da lingua”, explicou Román Rodríguez.
Promoción do plurilingüismo e diversidade cultural
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente desde o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia vén sumándose a esta celebración desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua materna.