A Xunta apoia as xornadas 'O que non se escribe' para poñer en valor a lingua galega no marco do patrimonio sonoro

Volver
  • Presentación das xornadas 'O que non se escribe'
  • Presentación das xornadas 'O que non se escribe'
  • Presentación das xornadas 'O que non se escribe'

O encontro desenvólvese desde o mércores ata o sábado en Santiago con distintas actividades de aprendizaxe e experimentación

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na rolda de prensa de presentación das xornadas O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea, que organiza Luneda Producións co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Santiago. O evento desenvolverase a partir do mércores, ata o domingo, en diferentes puntos da cidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou na presentación “a importancia de poñer en valor a lingua galega no marco do patrimonio sonoro e da música de noso desde unha perspectiva que combine tradición e contemporaneidade” e explicou que estas xornadas promoven “a aprendizaxe e a experimentación”.

Canda el, participaron na rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; e a directora de Luneda Producións e responsable do programa, Aitana Cuétara

Encontros e obradoiros

O programa das xornadas O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea arrancará pasadomañá, mércores 24, no Consello da Cultura Galega, cunha escoita comentada por Xosé Ramón Pousa e Cristina Pujales arredor da colección de lousas do Arquivo Sonoro de Galicia desta institución.

O xoves 25 e o venres 26, á cita é no Museo do Pobo Galego cun encontro arredor da creación contemporánea a partir dos arquivos tradicionais, que moderará o músico Xacobe Martínez Antelo e que contará coa intervención de Faia Díaz, Xosé Miguélez, Mercedes Peón e Tanxugueiras; e cunha análise do mercado profesional para os proxectos de creación a partir das músicas tradicionais. O mesmo xoves, o Teatro Principal acollerá a presentación do novo espectáculo de Faia, para o que as entradas estarán dispoñibles desde mañá.

O obradoiro sobre Recolla de Patrimonio Musical impartido por Xulia Feixóo e a charla Intelixencia artificial e música tradicional, a cargo de Carlos Martorell, que se poderán seguir tamén en liña, pecharán as xornadas o sábado 27 no Museo do Pobo Galego.

Paseo sonoro por Compostela

Desde o mércores e ata o 4 de abril será posible realizar un paseo sonoro por diferentes puntos da cidade de Compostela nos que se poderán atopar tesouros. En cada un deles, un código QR permitirá escoitar un fragmento de música tradicional elixido por músicos colaboradores no proxecto, como Ugia Pedreira, Luis Prego, Xurxo Fernandes, Xulia Feixóo, Rodrigo Cuevas, Tanxugueiras, Antía Ameixeiras, Caldo, Faia Díaz, Xosé Miguélez, Ramón Pinheiro, Xisco Feijóo, Guillerme Ignacio ou Raül Refree. Tanto o programa completo como o Paseo sonoro poden descargarse no web de Luneda.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua