A Xunta mantén aberto o prazo de inscrición nos exames Celga ata o día 12 de abril

Volver

As probas oficiais realizaranse de forma presencial, se a crise sanitaria así o permite, en Santiago e en Ponferrada entre os meses de maio e xuño

O Portal da Lingua Galega ofrece materiais preparatorios e un curso de autoformación dirixido ao Celga 1
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia mantén aberto ata o 12 de abril o prazo de inscrición nas probas oficiais do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga), cuxo procedemento e requisitos poden consultarse na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.

Ademais do abono das correspondentes taxas (16,59 euros) as persoas interesadas -maiores de 16 anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria- deberán cubrir o formulario de solicitude (modelo PL500C) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia e indicar nel a proba ou probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As probas realizaranse entre os meses de maio e xuño e de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19 o permite, en Santiago de Compostela, para os niveis Celga 1, 2, 3 e 4, e en Ponferrada para os niveis Celga 2, 3 e 4, como vén sendo habitual. As datas concretas será publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas no Portal da Lingua Galega.

Materiais no Portal da Lingua Galega

A través do dito Portal, tamén se ofrecen materiais cos que é posible preparar as probas Celga por conta propia, sen necesidade de seguir os cursos preparatorios, que non son obrigatorios para presentarse aos exames, aínda que si recomendables, xa que non implican en si mesmos a expedición de ningún certificado acreditativo.

Entre os diversos materiais, destaca o novo curso de autoformación preparatorio das probas do Celga 1, unha novidosa ferramenta de autoformación en liña, aberta de forma permanente, que garante un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego dende calquera lugar e a calquera hora. Este curso non require proceso de matriculación, senón tan só cubrir un rexistro previo, e pode seguirse sen necesidade dun titor/a, xa que as persoas usuarias van avanzando na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta.

O sistema Celga

O Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en tres bloques: 1. Lingua e comunicacion: funcións comunicativas, 2. Lingua e sistema: coñecemento do código e 3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

O Celga permiten certificar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos. Os certificados obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego. Toda a información en https://www.lingua.gal/o-galego/aprendelo/celga.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua