A Cidade da Cultura e o Museo de Pontevedra homenaxean aos primeiros galeguistas coa exposición 'Galicia, de Nós a nos'

Volver

Organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra, a mostra foi inaugurada hoxe no Edificio Castelao do Museo Provincial, onde pode visitarse ata o 11 de xullo, con entrada de balde

O conselleiro de Cultura amosou a súa satisfacción “porque unha das cidades clave no devir de ‘Nós’ acolla esta ambiciosa mostra, unha das tres grandes exposicións do Xacobeo 21-22 que xa foi visitada por 22.000 persoas”

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021.- A Cidade da Cultura de Galicia leva ao Museo de Pontevedra Galicia, de Nós a nós, unha mostra que homenaxea e pon en valor o legado da Xeración e da revista Nós na cultura e na identidade galega. Inaugurada esta tarde no Edificio Castelao, a exposición está organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra.

Galicia de Nós a nós foi exhibida o pasado inverno na Cidade da Cultura coincidindo co centenario da revista, para posteriormente itinerar a Ourense e, agora, a Pontevedra –completando así o mapa das cidades asociadas a Nós–. No acto de inauguración celebrado hoxe participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a presidenta e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera Lorenzo; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey García.

O titular de cultura do Goberno galego destacou que con esta exposición “a Xunta avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía galega contidos producidos na Cidade da Cultura, impulsando un plan de itinerancias das súas exposicións e traballando para que o Gaiás opere como unha factoría de proxectos culturais que circulen por outros espazos da Comunidade”.

O conselleiro amosou tamén a súa satisfacción por esta colaboración coa Deputación de Pontevedra, “que se concreta en que unha das cidades clave no devir de Nós, como é Pontevedra, acolla esta ambiciosa e completa mostra, unha das tres grandes exposicións da Xunta no marco do Xacobeo 21-22 que xa foi visitada por 22.000 persoas en Santiago de Compostela e Ourense, ás que se suman outras 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia".

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silvia, aseverou que “o Museo de Pontevedra e a cidade do Lérez tiñan que ser un dos escenarios da mostra Galicia, de Nós a nós porque non se entende a Xeración Nós sen espazos desta cidade como o Café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, sementaron o seu xerme”, ao tempo que manifestou que “é unha obriga seguir enxalzando e reivindicando os valores e principios que defendeu a Xeración Nós”.

Pontevedra, cidade ‘Nós’

Comisariada por Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, Galicia, de Nós a nós exhibe un conxunto de máis de 300 obras, cedidas por máis de 60 institucións e prestadores privados, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

A mostra permite contemplar pezas como o mapa de Domingo Fontán que pertenceu a Otero Pedrayo, a primeira tese doutoral sobre lingua galega –realizada pola lingüista alemá Margot Sponer, colaboradora da publicación– os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, ou a bandeira do Consello de Galicia que foi empregada nas exequias de Castelao. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

A exposición pode visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o 11 de xullo, con entrada de balde. As horas de visita son de 10,00 a 21,00 horas de martes a sábado, e de 11,00 a 14,00 horas os domingos e festivos, permanecendo pechada os luns.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua