Moaña acolle unha nova exposición sobre a obra do poeta Bernardino Graña co apoio da Xunta

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na inauguración da mostra composta por 14 bloques informativos que pode visitarse ata o 31 de agosto

Moaña (Pontevedra), 25 de agosto de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde no mercado de Moaña no acto inaugural da exposición documental Bernardino Graña, o home que quixo vivir. A mostra, que toma como protagonista ao escritor cangués, está organizada polo cineasta Xan Leira e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e dos concellos de Cangas, Moaña e Nigrán.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo destacar a importancia de Bernardino Graña como “poeta do mar e de Galicia enteira”, porque “desde o grupo Brais Pinto ata hoxe soubo condensar coa mestría do gran poeta a razón de ser da Galicia fermosa e intensa sempre na nosa lingua, no noso idioma propio”. Canda Valentín García, tamén participaron ademais dos representantes institucionais, o director da exposición, Xan Leira e as escritoras Anna R. Figueiredo e Marta Dacosta que, xunto co poeta Xosé Daniel Costas, declamaron varios poemas e o músico Tino Baz.
A exposición, que está composta por 14 bloques informativos, permanecerá aberta ata o 31 de agosto entre as 17,00 e as 22,00 horas no primeiro andar da praza de abastos de Moaña. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa. A maiores, este venres 27 ás 20,00 horas proxectarase o documental de Xan Leira que comparte título coa exposición e, de seguido, o escritor e crítico literario Héitor Mera presentará o seu libro Cartas de Bernardino Graña, que recompila boa parte da correspondencia do autor con diferentes personalidades. O libro poderase mercar no propio evento.

Unha vida dedicada ás letras

Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991. Xa desde novo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Tamén participou como articulista en varios xornais e como ensaísta en outras moitas publicacións. En 1958 formou parte da creación do grupo Brais Pinto en Madrid e tamén foi impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

A súa dilatada carreira vese reflectida na súa extensa obra, composta por unha decena de poemarios, un libro de relatos, unha novela, varias pezas teatrais e máis dunha vintena de narracións infanto-xuvenís, o seu público máis querido e ao que dedicou a meirande parte da súa escrita e do seu tempo.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua