O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta impulsa un foro sobre o papel dos dj's na música galega

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da iniciativa que botará a andar mañá venres en Vilagarcía de Arousa

Eme DJ, Manuele Caamagno, Carlos Crespo e K DJ na primeira mesa redonda moderada por Pepe Cunha e ofrecerán tres horas de música en galego

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá xunto ao xornalista musical e DJ Carlos Crespo o I Foro sobre o papel dos disc-jóckeys na difusión da música galega, unha iniciativa que xurde ao amparo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta.
O foro, que arranca a súa primeira edición, reunirá mañá na Alameda de Vilagarcía de Arousa a catro destacados nomes da nosa escena musical encabezados pola disc-jóckey galega de maior proxección, Eme DJ. O músico, promotor e DJ Manuele Caamagno; o xornalista e DJ Carlos Crespo e a vilagarciá K DJ completan o cartel desta iniciativa coa que se pretende analizar o papel dos DJ na difusión da música galega.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo destacar a importancia de fomentar o uso da lingua galega “nos formatos e estilos musicais máis modernos e incluíla como una oferta atractiva para a mocidade fomentando, ademais, o seu uso nos profesionais deste ámbito”. Precisamente con ese obxectivo, A Duendeneta e Duende Instrumentos, da man de Carlos Crespo, organizan este foro respaldado polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa.

O galego en distintos contextos

Dividido en dous bloques, o evento comezará ás 21,00 h cunha mesa redonda na que os catro músicos e o moderador, Pepe Cunha, debaterán en torno ao papel que poden e deben xogar os disc-jóckeys na difusión da música en galego. Unha vez rematada, a partir das 22,00 h, cada un dos artistas realizará unha sesión de música en galego desde A Duendeneta, unha discoteca móbil vintage habilitada nunha furgoneta Avia do 74 que fará ás veces de cabina. As sesións serán consecutivas, creando un set de música de case tres horas que lle amosará ao público dun xeito práctico o potencial da música galega e dos propios artistas.

Para todos aqueles interesados en acudir, a entrada será de balde ata completar a cabida e non precisa de reserva previa. Con todo, o número de asistentes será limitado polo que o público deberá rexistrarse ao acceder ao recinto, onde permanecerá sentado, mantendo as distancias de seguridade e a coa máscara posta.

Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22

Este fondo, que na súa segunda edición está a impulsar un milleiro de proxectos, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua, Xacobeo