O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico impulsou máis de 100 actuacións

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe no Parlamento os resultados deste plan 2016- 2020 que se reinventou por mor da crise sanitaria

Nos cinco anos de vixencia, leváronse a cabo medidas directas nas áreas de alimentación, publicidade, construción e inmobles, TICs, hostalería, entre outras

A Xunta renovará esta iniciativa por catro anos máis para seguir aumentando a presenza do galego na economía e nas relacións laborais
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, defendeu esta mañá no Parlamento o balance do Plan de Dinamización da Lingua galega no tecido económico 2016-2020 que supuxo a posta en marcha de máis de 100 actuacións a prol do galego no sector económico e que terá continuidade nos vindeiros anos.

Como expresou, esta iniciativa, que finalizou a súa vixencia o pasado ano en medio dunha crise sanitaria, soubo reorientarse para seguir cumprindo cos seus obxectivos principais grazas aos distintos plans de reactivación económica postos en marcha pola Xunta de Galicia para incrementar o uso da lingua en todos os sectores.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou que desde o 2016 o Goberno autonómico contou con este instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial. “O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico é o resultado de desenvolver o Plan Xeral de Normalización Lingüística e foi un auténtico revulsivo para concienciar a sectores da economía galega que tomaron consciencia por distintos motivos da utilidade e responsabilidade de usar a nosa lingua á hora de ofertar os seus produtos”, indicou Valentín García. “Debido á súa necesidade e tamén á súa acollida, poñeremos en marcha a renovación deste plan por catro anos máis ata o 2025”, engadiu.

O responsable de Política Lingüística tamén aproveitou para anunciar a sinatura dun convenio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para que investigadores de recoñecido prestixio da dita universidade e da Universidade de Vigo (Uvigo) realicen un estudo sobre o impacto económico da lingua galega no noso sistema económico.

Dinamización en varias áreas

En total, durante os cinco anos de vixencia do plan, realizáronse máis de 100 medidas directas repartidas entre as áreas da alimentación, publicidade, construción e inmobles, asesoramento e intermediación, TIC, hostalaría e xerais. Esta última categoría engloba aquelas actuacións aplicables a todo tipo de empresas que non son específicas de ningunha das outras categorías e foi, precisamente, a que sumou o maior número de accións ao longo do lustro, superando o 70% das medidas postas en marcha en cada ano natural. Os sectores da alimentación e da publicidade foron tamén ámbitos de interese para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa que en todos os períodos participaron en actividades vinculadas con eles.

Outro aspecto salientable é que moitas medidas se repetiron en todos ou case todos os anos, afianzando un compromiso cada vez máis firme entre as empresas e a lingua galega. Exemplos disto son os Premios de Publicidade en Galego, a colaboración na celebración do Día da Galeguidade Empresarial, impulsada polo Foro Enrique Peinador, as colaboracións con diferentes empresas e entidades para organizar actividades do Día das Letras Galegas, como Vegalsa-Eroski, Feiraco ou Renfe, a organización de certames literarios en colaboración con empresas como Coca-Cola, Repsol ou Abanca, as axudas ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega no ámbito económico ou o apoio a diferentes actividades que se realizan anualmente como é o caso de Culturgal ou a xornada Xustiza e Lingua.

Nesta recompilación de actuacións levadas a cabo durante o período 2016-2020 tamén fixo referencia ao efecto das restricións padecidas o pasado 2020 por mor da crise sanitaria. Esta situación provocou unha redución da realización de actividades de dinamización da lingua galega, tamén as incluídas no plan para o tecido económico. A raíz desta situación, lanzouse un novo programa, o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 –agora xa vai pola súa segunda edición– dirixido a dous sectores económicos especialmente afectados pola pandemia, o da cultura e o do turismo, inxectando máis de 5,5 millóns de euros entre as dúas convocatorias para fomentar nestes sectores as actividades en lingua galega dentro do Plan de reactivación dos sectores cultural fronte aos efectos derivados da covid-19 da Xunta de Galicia.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua