A Xunta abre unha nova área de estudos de investigación histórica e social no seo do Centro Ramón Piñeiro

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación desta iniciativa que complementa as investigacións

As actividades propostas centraranse na Historia Contemporánea de Galicia e na biobibliografía do intelectual galeguista Ramón Piñeiro e o seu tempo
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do novo ámbito dos estudos históricos e sociais do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia que para un centro como o Ramón Piñeiro, dedicado ás Humanidades, ten a incorporación “dunha división de estudos que cartografe todo o relativo ao tempo histórico do intelectual Ramón Piñeiro, quen lle dá nome ao centro”. Así mesmo, sinalou que este novo ámbito de estudos está chamado a “complementar as investigacións que no eido da lingüística e a literatura galegas se desenvolven no centro”, co que se enriquece o labor que desenvolve.

 

Así mesmo, congratulouse de que sexa o prestixioso profesor e recoñecido investigador Amancio Liñares Giraut quen se encargue de coordinar os traballos, pois a súa profesionalidade e capacidade de xestión aseguran o éxito duns labores nos que está previsto que se desenvolvan moi interesantes propostas, como a publicación de obras do eido histórico, a organización de xornadas e outras valiosas iniciativas.

 

Canda Valentín García estiveron presentes Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro, e Amancio Liñares, catedrático de Xeografía e Historia, responsable da coordinación deste novo ámbito de estudos.

Centenario

Na presentación, na véspera do 107 aniversario de Ramón Piñeiro, deuse a coñecer a iniciativa para agrandar e afondar nos campos da investigación e difusión relacionados co ámbito dos estudos históricos e sociais. O obxectivo primordial deste novo eido de estudos é centrarse en dúas cuestións diferentes e complementarias: Ramón Piñeiro e o seu tempo (Da nosa acordanza) e Historia Contemporánea de Galicia (Olladas no pasado).

 

Este marco cronolóxico acompaña a propia traxectoria vital do escritor, que discorre case no que foi a totalidade do pasado século XX. Trátase de ampliar e optimizar o labor do centro, poñendo o foco neste período dentro das súas actividades, estendéndoo a máis áreas vinculadas coas Humanidades e a cultura galega, facendo medrar e diversificar o seu campo de actuación.

Algunhas das actividades propostas están programadas para se materializar no presente ano 2022 e outras foron ideadas pensando nos anos vindeiros, subliñando o 2025, cando se procurará darlle realce en Galicia ao 110 aniversario do nacemento de Ramón Piñeiro.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua