A Xunta apoia a Mostra de Teatro de Ribadavia na recuperación da súa dimensión internacional
VolverO director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do programa desta 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo baixo o lema ‘Actuando nas marxes’
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é unha das principais entidades colaboradoras da MIT, coa que mantén un convenio que lle recoñece a súa relevancia no sistema teatral galego
Presenta unha vintena de producións de Perú, Portugal e de diferentes puntos de Galicia e do resto de España
Ribadavia (Ourense), 15 de xuño de 2022 A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. A Xunta de Galicia renovou un ano máis o seu compromiso coa MIT, da que é unha das principais entidades colaboradoras en virtude dun convenio que lle recoñece ao encontro ribadaviense o seu relevante papel no sistema teatral galego.
Así o expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jacobo Sutil, quen interveu nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto de entidades implicadas. Fixo fincapé, ademais, en que o apoio do Goberno galego a esta mostra insírese no seu programa xeral de dinamización dos festivais galegos de artes escénicas, do que forma parte tamén a convocatoria anual de subvencións, que este ano distribuirá 200.000 euros entre outros eventos considerados estratéxicos no seu ámbito.
Unha edición especial
Sutil subliñou, ademais, o carácter especial desta 38ª entrega da MIT, que volve recibir espectáculos de fóra de Galicia, reforza as súas actividades complementarias e fai gala dun “novo mérito que se engade aos moitos que xa posúe o encontro: unha estrutura tan flexible como sólida, capaz de superar as moitas dificultades destes dous últimos anos”, sinalou.
Baixo o lema Actuando nas marxes, a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
Apoio a producións e coproducións
O responsable de Industrias Culturais lembrou que moitos dos títulos galegos que se exhibirán nesta 38ª edición contan con apoio económico da Xunta ben a través da convocatoria anual de axudas á creación escénica, ben a través do programa de coproducións que mantén a través do Centro Dramático Galego.
Neste apartado, puxo o foco na estrea o 21 de xullo de Relato para un incendio, espectáculo de aAntena en coprodución co CDG e a propia MIT, a partir do texto escrito por Ernesto Is no marco da I Bolsa de Dramaturxia e Creación que convocou en 2021 a Xunta de Galicia. En Ribadavia poderán verse, así mesmo, outras montaxes participadas polo Centro Dramático Galego, como Arte sen guión, de Galeatro; A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, ou O péndulo, de Inversa Teatro e tamén coa Mostra Internacional de Teatro como coprodutora.
Ademais de felicitar a organización polo programa deste ano, que inclúe o concerto inaugural de Sheyla Patricia, presentacións de libros e coloquios coas compañías, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais trasladoulle publicamente os seus parabéns ao actor, director teatral e titiriteiro Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, a quen a MIT honra este ano co seu Premio Roberto Vidal Bolaño. “Este é, sen dúbida, un ano importante parta el, cando ademais acaba de obter o premio María Casares ao mellor actor pola súa interpretación en Terceiro acto, do CDG”, concluíu.