A Xunta convoca o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

Volver

O obxectivo é animar ao profesorado a desenvolver accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual do centro escolar e xeren melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino
 

Valoraranse especialmente os proxectos que contribúan ao incremento do uso da lingua e á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa
 

Tamén os que poñan en valor o galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia acaba de convocar o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para centros educativos no curso 2022/2023. O obxectivo desta iniciativa é animar ao profesorado a desenvolver accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual do centro escolar e xeren melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino.

Poderán participar nesta convocatoria todos os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Cada proxecto poderá ser desenvolvido por un só centro ou por un agrupamento de dous ou tres. En calquera dos casos, deberá formalizarse unha única solicitude. En cada centro poderán implicarse ata 10 docentes e polo menos un destes membros deberá pertencer ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
 

A comisión de selección valorará especialmente os proxectos en función do seu interese educativo, da súa contribución ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade; así como as propostas específicas de atención á diversidade e as medidas para fomentar os valores democráticos, en especial a igualdade, entre outros criterios.

Dotación económica e asesoramento

Entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, que terán a consideración de excelentes. Cada un deles recibirá unha dotación económica de 2.000€, así como o apoio e asesoramento da Consellería tanto na fase de elaboración do proxecto como durante o seu desenvolvemento. Poderán concederse, ademais, ata un máximo de dúas mencións de honra, sen dotación económica. Os proxectos seleccionados serán publicados no Portal da lingua galega e no Portal educativo.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. Os docentes que participasen de forma activa no desenvolvemento dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de accésit.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua, Cultura, Educación