A Xunta convoca as probas para obter os certificados Celga nos seus catro niveis

Volver

As solicitudes presentaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta entre os días 7 e 27 de marzo


Os exames realizaranse de forma presencial entre os meses de maio e xuño en Santiago de Compostela e Ponferrada, simultaneamente


As datas concretas, así como as sedes e horarios de realización das probas, publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. O prazo para presentar as solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, comeza este martes 7 de marzo e remata o día 27 do mesmo mes.

 

As ditas solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderán presentarse de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade publicarase no Portal da Lingua Galega.

 

Pola súa parte, os exames, que terán lugar nos meses de maio e xuño, realizaranse de forma presencial e simultánea en Santiago de Compostela, para os catro niveis, e en Ponferrada, para os niveis 2, 3 e 4. As datas concretas, así como as sedes e horarios de realización, publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega. Unha vez realizados os exames, os resultados provisionais publicaranse no dito portal no prazo máximo de dous meses desde a súa realización.

 

Os certificados de lingua galega (Celga) poden obterse a través da superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta de Galicia ou ben a través da validación de estudos nos supostos recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, na que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua