A Xunta e Galaxia conmemoran o 19º cabodano de Luísa Villalta cunha recompilación da súa obra poética

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do volume Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), editado por Armando Requeixo

A obra, que reúne os catro poemarios publicados en vida pola autora, ve a luz coincidindo coa semana na que se celebra o Día da Muller

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na presentación do volume Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), editado por Armando Requeixo desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e publicado por Galaxia co gallo do 19º cabodano da poeta Luísa Villalta. O libro, que sae do prelo coincidindo coa semana na que se celebra o Día da Muller, recupera os catro títulos que a poeta coruñesa publicou ao longo da súa vida co obxectivo de facelos máis accesibles ao público.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou “o traballo que realiza o Centro Ramón Piñeiro para custodiar e revalorizar aínda máis do que xa está, se cabe, a obra dunha autora tan destacada como Luísa Villalta. Este empeño faise manifesto nesta publicación que tiramos do prelo coa editorial Galaxia, un libro coidado tanto no contido como nos aspectos externos e de deseño, un libro feito con mimo e dedicación.”.

No acto, que acolleu o Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro, tamén participaron, o director de Edicións de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; a poeta e investigadora Tamara Andrés, e María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da escritora. 

Unha das voces máis importantes da poesía galega

Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004) compila os catro poemarios que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación e que a converteron nunha das voces máis importantes da poesía galega do noso tempo: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004).

Ademais, nas páxinas desta obra trázase un perfil biográfico da escritora, preséntanse as diversas facetas autoriais que a caracterizan (como narradora, dramaturga, ensaísta e tradutora) e incídese en especial no labor poético, tanto no que ten que ver coas cuestións de adscrición xeracional coma no que di da súa aposta autopoética, amais de percorrer os seus libros de versos e referenciar outra escrita póstuma, inédita e non compilada, para rematar cos criterios de edición e co capítulo de agradecementos.

O volume está publicado pola Editorial Galaxia e elaborouse desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, onde se custodia o legado da escritora da Coruña. 

Sobre a autora

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), alén de extraordinaria poeta, foi tamén unha destacada narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista. Na súa obra teatral salientan Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). Como narradora publicou Siléncio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001). Na súa faceta de ensaísta deu á luz O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e Libro das colunas (2005), así como O outro lado da música, a poesía (1999), reeditado por Editorial Galaxia en 2020.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua