O mosteiro de San Martiño Pinario acollerá ata finais de febreiro a exposición que conmemora os 55 anos da liturxia en galego

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura desta mostra impulsada por SEPT e producida por Merlín Comunicación co apoio da Xunta e do Arcebispado de Santiago

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na apertura da exposición 55 anos da liturxia en galego (1969-2024), impulsada pola Editorial SEPT e producida por Merlín Comunicación co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Arcebispado de Santiago de Compostela.

Valentín García destacou que se trata “dunha mostra que recolle unha parte da nosa historia lingüística recente á que non adoitamos prestarlle atención, a pesar de que ten claras repercusións na actualidade”. “Se queremos que o galego se empregue en todos os ámbitos da vida, hai que ser consciente dos avances e dos retos que se lle presentan tamén en espazos como o da liturxia ou, en xeral, a relixión, coa que mesmo as persoas non crentes teñen contacto en enterros, festas patronais etc. e esta exposición é un camiño para coñecelos”, abundou o representante da Xunta de Galicia.

Canda o representante de Política Lingüística tamén participaron neste acto, que acolleu o Mosteiro de San Martiño Pinario, Charo Baleirón, coordinadora do departamento de Innovación Pedagóxica de Escolas Católicas; Silvestre Gómez, comisario da exposición; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Francisco Xosé Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela.

55 anos da liturxia en galego

Composta por seis paneis, a mostra recolle o percorrido da lingua galega na liturxia nestes 55 anos partindo da aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. Unha nova que se faría pública o 7 de xaneiro de 1969, con gran repercusión na situación social do momento.

Parte fundamental deste fito foron tamén as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia, que o Goberno galego volve editar a día de hoxe en colaboración con SEPT co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias galegas.

As persoas interesadas poderán visitar a mostra no claustro pequeno do Mosteiro de San Martiño Pinario, onde estará dispoñible ata o 29 de febreiro.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua