A Xunta pon en valor a relevancia da muller na lírica galego-portuguesa no volume Mulleres medievais

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta antoloxía coordinada polas profesoras Esther Corral e Yara Frateschi

Destaca a contribución deste traballo á visibilidade da figura feminina como axente creador e como suxeito literario e cultural ao longo da nosa historia
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

O secretario xeral de de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do volume Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa, editado pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que, a través deste volume, “seguimos traballando en paliar a ausencia de estudos que analicen e visibilicen a muller como axente creador e como suxeito literario e cultural ao longo da nosa historia”. “Traballos como este, pioneiro no seu campo ao ser abordado por un equipo multidisciplinar, axudan a poñer en valor a relevancia da figura feminina na nosa literatura, neste caso en concreto na lírica medieval”, declarou Valentín García.

No acto, que acolleu o Pazo de San Roque, tamén participaron Juan Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da USC, e as coordinadoras do libro, as profesoras Esther Corral e Yara Frateschi, esta última por videoconferencia desde o Brasil.

Antoloxía con 11 profesionais

Mulleres medievais recompila 120 textos e 41 ilustracións que compoñen unha imaxe completa do espazo feminino na lírica galego-portuguesa. Elaborado por 11 profesionais pertencentes ao campo da Filoloxía, a Historia e a Arte, esta antoloxía presenta un variado escenario feminino que atende tanto a figuras históricas como a categorías sociais e relacións colectivas (familiares, sociais e amorosas) para proporcionar unha estampa da muller medieval en todas as súas facetas. Ademais, o volume complétase cun detallado estudo da representación feminina nas miniaturas do Cancioneiro da Ajuda e dous apéndices que rastrexan os posibles antecedentes na lírica das carjas e a súa posible e estudada evolución no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende.

A publicación enmárcase no proxecto de investigación Voces, representacións e espazos femininos na lírica galego-portuguesa, integrado á súa vez noutro máis extenso que abrangue o estudo da muller na lírica trobadoresca europea.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Igualdade, Lingua